
Segundo informa a institución académica galega, os sete millóns de euros outorgados en novembro do ano pasado polo Ministerio de Economía con cargo aos Fondos Tecnolóxicos, permitirán desenvolver un proxecto, en palabras da directora da AtlantTIC, Nuria González Prelcic, “centrado no hipersector TIC e formulado como unha serie de liñas de investigación activadoras, con resultados claramente transferibles á industria”.
As persoas que acaden as prazas devanditas ficarán integradas nalgunha das áreas de I+D dos grupos de AtlanTIC, áreas entre as que se contan o procesamento de sinais, as comunicacións dixitais, as radiocomunicacións, a enxeñaría electromagnética, a enxeñaría biomédica ou os servizos de telecomunicación. Segundo engade a directora do centro de investigación ao fío da devandita oferta, non se coñece ningún caso semellante nestes tempos, “polo menos de ofertar tantos postos en tan pouco tempo”. A duración dos contratos é dun ano, con posibilidade de prórroga e unha remuneración que vai en función de factores como o rango do investigador ou investigadora, a súa experiencia laboral, o seu currículo ou os premios acadados.
O proxecto
O proxecto Táctica, ao que a Universidade de Vigo deberá achegar preto de dous millóns de euros para completar o seu financiamento, potenciará as capacidades de transferencia de tecnoloxía, nas súas variantes, permitíndolle ao centro de investigación prestar un mellor servizo como dinamizador da innovación nas empresas do hipersector TIC. “Pero ademais”, como explica Nuria González nunha entrevista cos responsables do xornal dixital da Universidade, “permitirá probablemente poñer en marcha fórmulas de transferencia menos explotadas ata o de agora, como compartir royalties, licenciar propiedade intelectual e, mesmo potencia outras, como a creación de EBTS”. Por certo que as liñas de acción actuais nas que traballan os 150 investigadores e investigadoras que integran AtlantTIC pódense artellar en cinco grandes eidos: as arquitecturas de software avanzadas; multimedia; comunicacións sen fíos, seguridade e caracterización e medida. Segundo Nuria González, estes ámbitos de traballo “gardan un claro paralelismo coas empresas TIC galegas, como proba a gran cantidade de actividades contratadas no centro, que acadaron os 5 millóns de euros no período 2009-2012”.
O proceso de contratación aberto dende AtlantTIC, primeiro chanzo do proxecto Táctica
Compartir Este Artigo
