O centro galego AtlantTIC oferta medio cento de novos postos de traballo para investigadores

luns, 3 de febreiro do 2014 Fernando Sarasketa

AtlantTIC, centro de I+D centrado nas novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación e impulsado pola Universidade de Vigo (Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións), vén de achegar boas novas para os nosos investigadores e, en última instancia, para o fortalecemento da nosa terra en materia de innovación TIC. Máis polo miúdo, o centro informa que ofrece 49 postos de traballo para estudantes de doutoramento, enxeñeiros júnior e doutores na área de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC). Lembrar que AtlanTIC ten a súa sede no campus de Vigo e que centra unha boa parte da súa actividade nas múltiples áreas científicas e de coñecemento vencelladas ás novas canles e ferramentas dixitais. Recordar tamén que o centro galego integra varios grupos de referencia a nivel mundial en diferentes eidos das telecomunicacións.
O devandito dato (esta excelencia do centro galego no plano internacional) vén avalado por publicacións internacionais (máis de 80 artigos en revistas do SCI e máis de 200 publicacións en congresos internacionais de referencia en 2013) e premios a teses doutorais (varios premios á mellor Tese Doutoral segundo o Colexio Oficial Enxeñeiros de Telecomunicación). Asemade, algúns dos seus investigadores son editores asociados das prestixiosas revistas do IEEE. AtlanTIC, como dixemos, centra a súa actividade nas múltiples facianas e potencialidades que amosan a Sociedade da Información e os seus ingredientes: procesamento de sinais, comunicacións dixitais, radiocomunicacións, enxeñaría electromagnética, enxeñaría biométrica, redes, servizos de telecomunicación, etc.
Segundo temos informado dende Código Cero, AtlanTIC comezou a camiñar en 2010 xuntando as arelas duns 150 investigadores (dez grupos a día de hoxe). Tal e como nos contou daquela a súa directora, Nuria González Prelcic, o centro xurdiu como unha agrupación de grupos de investigación universitarios, por mor dunha iniciativa da Xunta de Galicia no ano 2008, e constituíse como centro de investigación dous anos máis tarde. Esta estrutura (esta agrupación de agrupacións de diferentes eidos temáticos pero cun nexo común: o eido tecnolóxico-dixital) permítelle resolver importantes problemas que antes de AtlantTIC presentábanselles de xeito individual a cada grupo de forma común, sobre todo en canto a tarefas de xestión de proxectos, de comunicación ou de captación de talento. “E ademais deste xeito podemos cooperar entre os grupos como un todo, abordando proxectos de I+D máis complexos”, comenta González Prelcic.

PUBLICIDADE