Dende Mozilla levan moitos meses traballando en adaptar o seu navegador web para equipos táctiles co sistema operativo de Microsoft, e finalmente xa está dispoñible para a súa descarga o Firefox for Windows 8 Touch Beta, que vén a ser a última versión de proba do Firefox que conta coa posibilidade de correr co interface moderna de Windows 8, facilitando o seu uso con pantallas táctiles.
A versión táctil de Firefox para Windows 8 conta cunha pantalla de inicio que facilita un acceso rápido ás páxinas web máis importantes, aos marcadores e ao historial, aínda que tamén permite gozar das habituais características da barra de busca (Awesome Bar). Tamén incorpora o soporte de xestos táctiles (por exemplo, para facer zoom), pode empregarse tanto a pantalla completa como en formatos máis cativos (facendo uso das funcións de pantalla partida de Windows 8), está deseñado para ser máis visual que o navegador tradicional e facilita compartir calquera páxina web coas redes sociais que teñamos instaladas.
A versión táctil de Firefox para Windows 8 inicia a súa fase de probas
Compartir Este Artigo

