A compañía Vodafone bota unha ollada cara atrás e analiza o terceiro trimestre do ano fiscal (do 1 de outubro ao 31 de decembro de 2013) tirando conclusións positivas, das que daremos conta nesta nova. Máis polo miúdo: os ingresos por servizo de Vodafone España chegaron aos 938 millóns de euros no terceiro trimestre do ano. O ritmo de descenso de ingresos mellorou, pasando dun 16,1% no trimestre anterior a un 14,1% neste. En resumo: os resultados do trimestre caracterizáronse por unha mellora da actividade comercial e o crecemento do negocio fixo. Así: Vodafone España pechou o trimestre con 13.652.000 clientes de telefonía móbil e 953.000 clientes de ADSL.
Nos últimos tres meses a base de clientes de contrato de telefonía móbil reduciuse en 38.000, fronte a un aumento de 57.000 no número de clientes de banda larga fixa, o maior crecemento desde o lanzamento do servizo en outubro de 2008.
O lanzamento da nova oferta comercial, que inclúe a introdución de novos plans -como Smart-, cambios nos plans Base e a incorporación de maior valor nas tarifas Vodafone Rede, elevou a 4,1 millóns o número de clientes subscritos aos plans de prezos integrados de telefonía móbil. Desta cantidade, 983.000 corresponden a Vodafone REDE.
En canto aos ingresos do negocio fixo, aumentaron un 5,7%, impulsados polo forte medre da carteira de clientes de ADSL, que se incrementou en 181.000 no último ano, dos que 57.000 corresponden aos últimos tres meses. A base de clientes pechou con 953.000 a 31 de decembro, deles un 79,1% están subscritos a plans de prezos converxentes fixo-móbil de Vodafone.
Tamén neste terceiro trimestre do ano fiscal, Vodafone continuou coa súa filosofía de cambio que abrangue tres eidos: o despregamento da rede 4G, o redeseño dos seus puntos de venda, o lanzamento de Vodafone Wallet e a nova Rede de Fibra.
Vodafone conta xa -como apuntamos dende Código Cero– con servizos 4G en 86 concellos, incluíndo 19 grandes cidades: Alacante, Barcelona, Bilbo, Córdoba, A Coruña, Xixón, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Palma de Mallorca, As Palmas de Gran Canaria, Donostia, Santander, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vigo e Zaragoza. Vodafone anunciaba en setembro de 2013 un plan de transformación da súa canle de distribución que chegará a 453 puntos de venda antes de marzo de 2017, e que suporá un investimento de máis de 105 millóns de euros.
Como dabamos conta dende esta web, en novembro Vodafone presentaba o servizo Vodafone Wallet, que integra os cartóns de pagamento, transporte, acceso, fidelización, etc., do usuario no seu smartphone.
E era o outono pasado cando a compañía informaba que seguía adiante co desenvolvemento dunha nova rede compartida de fibra ata o fogar e a data de hoxe xa se puxeron en marcha os despregamentos en 12 cidades españolas: Madrid, Barcelona, Sevilla, Málaga, Valencia, Alacante, Zaragoza, Córdoba, Valladolid, Alcorcón, Badalona e Hospitalet de Llobregat.
Vodafone pecha trimestre con 13.652.000 clientes de telefonía móbil
Compartir Este Artigo
