Samsung publicou en Twitter o cartel no que confirman que o vindeiro día 24 en Barcelona celebrarán o seu UNPACKED5, un evento no que esperan que se presente o novo Samsung GALAXY S5 pero que, á vista da imaxe compartida, parece que teremos tamén a renovación da interface de usuario TouchWiz, que faría uso de iconas máis simples, definidas e circulares, o que podería supor que estariamos ante unha capa gráfica menos recargada e máis rápida.
A aparición entre as iconas de iconas sobre Outdoor e Fitness leva a entender que Samsung desenvolverá novas solucións para a práctica deportiva ou a cuantificación da actividade física, atendendo ás últimas tendencias do mercado.
No que respecta ao Samsung GALAXY S5, están a circular pola Rede o que poderían ser as súas especificacións, como serían un procesador de catro núcleos a 2,5 GHz, 3 Gb de RAM, conectividade LTE, pantalla Super AMOLED de 5,25 polgadas cunha resolución impresionante (2.560 x 1.440 píxeles), cámaras de 20 e 2 Mpíxeles, e batería de 3.000 mAh. Funcionaría con Android 4.4 e polo momento non se sabería nada sobre o seu acabado externo, polo que é posible que teñamos que agardar ata o día 24 para poder coñecer a aparencia final do terminal (aínda que parece difícil que Samsung consiga evitar as filtracións antes da estrea oficial do smartphone).
Samsung podería presentar en Barcelona o GALAXY S5 e un redeseño de TouchWiz
Compartir Este Artigo

