
Estes e outros dados foron dados a coñecer este mércores pola vicepresidenta segunda do organismo provincial, Lara Méndez, con motivo da posta en marcha do servizo de conexión Wi-Fi de acceso libre e de balde en Viveiro. Méndez participou no acto acompañando a María Loureiro, alcaldesa deste Concello. Xuntas tiveron contacto directo coa experiencia dunha das empresas participantes en Reacciona coas TIC, a firma local Kiara, dedicada ao comercio de moda téxtil e complementos (e que vén de dar o chimpo á venda en liña).
Na posta en marcha do acceso sen fíos de Viveiro, Méndez salientou que a Deputación “puxo en marcha este plan para que todos os lucenses, vivan onde vivan, conten coas mesmas oportunidades de acceder ás novas tecnoloxías, loitando así contra a fenda dixital”. A vicepresidenta Segunda tamén destacou o potencial das TIC como “arma básica contra o despoboamento demográfico”, cousa que afecta en maior ou menor medida a tódolos concellos galegos (agás os que acubillan grandes cidades ou vilas). Tamén explicou que Innova-TE, amais de achegar redes Wi-Fi e melloras no servizo de banda larga, abrangue procesos como o asesoramento para optimizar o uso da sede electrónica implantada na primeira fase do programa; a creación de novos portais web e a actualización de contidos xa existentes, así como a posta en marcha dun servizos de asesoramento tecnolóxico personalizado para resolver calquera dúbida dos concellos”.
Polo que respecta á Reacciona coas TIC, un programa de pulo tecnolóxico para PEME e autónomos, Méndez lembrou que no que se refire á comarca da Mariña, acubilla arestora negocios de Burela (9); Foz (4); Lourenzá (4); Ribadeo (5); Trabada (2); Viveiro (4); Ourol (1) e A Pontenova (1). Trátase de negocios que desenvolven diversas actividades como peixerías, talleres, transporte de mercadorías ou comercios, que obtiveron “as ferramentas tecnolóxicas necesarias para mellorar a súa xestión e competitividade no mercado de xeito totalmente gratuíto”, engadiu a vicepresidenta.
Innova-TE e Reacciona coas TIC puxeron en xogo 355.000 euros para o pulo tecnolóxico da Mariña
Compartir Este Artigo
