Tras a xuntanza do Consello da Xunta de hoxe, o presidente Alberto Núñez Feijoo adiantou que para o vindeiro curso vaise pór en marcha unha plataforma de contidos dixitais que beneficiará inicialmente a 2.500 alumnos de 5º de primaria e de 1º da ESO, ampliándose a un curso máis por ano de xeito que no curso 2016-2017 chegaría a 12.500 alumnos de 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º de ESO, e que achegaría os “contidos curriculares dixitais completos, é dicir, das materias de todo o curso, gratuítos para as familias e accesibles sen necesidade de conectividade”, o que podería supor un aforro de ata 4,5 millóns de euros para as familias.
Inicialmente esta plataforma contará cun investimento de 3,6 millóns de euros, agrupando contidos tanto facilitados pola Xunta como elaborados polos propios docentes dos centros educativos. Nos vindeiros días abrirase a convocatoria para que os centros poidan adherirse voluntariamente a esta iniciativa, para o que precisan estar adscritos á rede Abalar, contar con conexións nas aulas vinculadas ao proxecto de conectividade á Internet de entre 2 e 10 Mbps e presentar un proxecto do centro para a implantación do libro dixital (ou propor unha persoa coordinadora do proxecto).
Feijoo asegurou que o ensino dixital supón un grande campo para docentes, alumnos e pais ao achegar “un sistema educativo máis avanzado e distinto” grazas ao paso “do papel ao libro dixital”, que confirma a proxección de futuro da educación pública.
Por último, Feijóo lembrou os avances realizados pola Xunta de Galicia para incorporar as vantaxes das novas tecnoloxías ao día a día dos colexios a través do Proxecto Abalar, xa operativo en 2.296 aulas de 531 centros e que beneficia a 50.000 alumnos de 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º da ESO.
A educación galega avanza na implantación do libro dixital nas aulas
Compartir Este Artigo

