
En Código Cero tivemos oportunidade de falar con Luís Álvarez Sestelo, director xeral da empresa emprazada no Polígono de Costa Vella de Santiago, para que nos subministrase máis datos sobre o cometido da compañía nesta fronte público-empresarial contra o furtivismo na nosa costa. Isto é o que nos contou.
-Sen dúbida un dos puntos máis interesantes do desenvolvemento de Videoguard é o feito de que estean participar no proceso varias empresas, centros de investigación e entidades públicas da nosa terra. Coremain é unha das empresas que están a pór en xogo a súa experiencia na consecución e aplicación de Videoguard. En que consiste exactamente a contribución de Coremain?
–Coremain é líder do consorcio. Isto responde a que polo seu carácter de gran empresa, asume o papel de tractor de firmas máis pequenas da nosa contorna. Se baixamos a niveis máis técnicos, Coremain aporta a súa experiencia de máis de 20 anos en desenvolvemento de aplicacións de xestión para entidades públicas e privadas, e no proxecto, ademais da coordinación, leva os paquetes de desenvolvemento da plataforma de xestión dos contidos audiovisuais.
–Que valor lle atopades á colaboración público-privada que se está a xerar arredor do proxecto Videoguard? Que beneficios lle veces a este tipo de colaboración, neste caso concreto financiada con Fondos Innterconecta? Como valorades este xeito de traballar?
–Se revisamos a características completas deste proxecto vemos que parte dunha necesidade real da economía galega, contrastada polo consorcio cas autoridades pertinentes. Por unha banda, ten un consorcio con experiencia complementaria: infraestruturas de telecomunicación, desenvolvemento de plataformas de xestión, integración de sistemas de comunicación e almacenamento, videovixilancia. Por outra banda, busca un uso eficiente des infraestruturas, evitando novos despregues e aproveitando os actuais. Con todo isto, e a colaboración dun dos centros de coñecemento de referencia da nosa comunidade, a foto é perfecta.
Respecto aos beneficios, Galicia precisa de elementos que aceleren a colaboración empresarial. Durante moitos anos as empresas preferían traballar soas; actualmente, o entorno económico precisa que as entidades compartamos os riscos. É o que ocorre neste proxecto. Ademais, a axuda económica do programa reduce inda máis ese risco, pois non podemos esquecer que estamos a falar dun proxecto de Investigación e Desenvolvemento e innovación (I+D+i). Para Coremain, esta é a forma de traballar. Como exemplo, dos proxectos lanzados no ano 2013 pola compañía, case todos eles foron en colaboración con outras empresas.
-Respecto aos Fondos Innterconecta, que oportunidades considerades que abren?
-Como dicía, é unha forma de reducir o risco das empresas á hora de afrontar proxectos innovadores, forzando ademais a colaboración empresarial. Preocúpanos que os centros de coñecemento poidan velos como unha forma sinxela de ter ingresos, pola obriga que temos as empresas de subcontratar o 15% a este centros, e deixen de lado o que considero debe ser a súa finalidade básica: xerar coñecemento de valor para que non sexa un 15% senón un 20% ou un 50% o que lles subcontratemos.
Coremain fortalece o proxecto Videoguard coa súa bagaxe en plataformas de xestión
Compartir Este Artigo
