A Deputación de Pontevedra, no marco do proxecto depoTIC, está a pór en marca un servizo de asesoramento de empresas en materia de novas tecnoloxías que responde ao nome de Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 (CPAE) para dar servizo ás máis de 64.000 microempresas pontevedresas (de ata 5 empregados), axudándoas a mellorar a súa competitividade a través do uso das TIC.
Aínda que o CPAE estableza a súa sede central no Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra (para dar servizo ás comarcas de Pontevedra e O Morrazo), esta central tamén coordinará unha rede composta por 5 oficinas máis de proximidade que atenderán respectivamente ás comarcas de Cambados, Lalín, Ponteareas, O Porriño e Vigo, das que mañá celebrarase a inauguración dos centros de Lalín (que atenderá a autónomos e pequenas empresas das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes) e Ponteareas (para as comarcas do Condado e da Paradanta) para o que contaron coa presenza de Rafael Louzán Abal, presidente da Deputación de Pontevedra.
Estas oficinas abrirán de luns a venres de 10:00 a 21:00 horas e os sábados de 9:00 a 14:00 horas, procurando así adaptarse o máximo posible aos horarios dos pequenos empresarios e autónomos, que poderán ter á súa disposición a 17 expertos dentro desta rede, a asesores en cadansúa oficina e con 5 técnicos cualificados na oficina central, dedicados á creación de contidos, á xestión do Centro de Comercio Virtual e á coordinación e ao apoio á actividade de toda a rede. Aparte do aceso presencial ao CPAE 2.0, tamén será posible recibir atención telefónica ou a través da Internet.
Os profesionais e empresarios poderán recibir así apoio e formación en cuestións como a presenza na web, o equipamento informático, as ferramentas informáticas de xestión, o acceso á Rede, a banca en liña, a sinatura electrónica, a administración electrónica, o uso empresarial de redes sociais, o comercio electrónico, a licitación e factura electrónica e mesmo as solucións sectoriais (como, por exemplo, a utilización de TPV ou de plataformas de comercio virtual).
Lalín e Ponteareas estrean mañá oficinas do Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0
Compartir Este Artigo
