
Para estas entidades, as experiencias a realizar ao longo do ano ao abeiro de Videoguard servirán para valorar a viabilidade de implantar o sistema na costa galega, aproveitando as infraestruturas de telecomunicacións xestionadas precisamente por Retegal.
Segundo nos confirma AMTEGA, a pilotaxe deste proxecto arrancará no primeiro semestre do ano en dous concellos costeiros do litoral galego. Así o certificou previamente na Comisión 8ª do Parlamento o subdirector xeral de Gardacostas, Lino Sexto, en resposta a unha pregunta sobre este tema. Asemade, engadiu que o Proxecto Videoguard está desenvolvido por un consorcio de empresas tecnolóxicas integrado por Coremain, Bastet Ingeniería, TRC, Retegal e coa participación do Centro Tecnolóxico Gradiant, cun investimento de 1,8 millóns de euros, financiados con fondos do programa Innterconecta a través da Consellería de Economía e Industria e o CDTI.
Como dixemos os días pasados, o sistema permitirá detectar embarcacións en zonas de porto e rías, así como persoas en zonas de praia, rochas e bateas, tanto de día como de noite. A plataforma de Videoguard está deseñada para dúas contornas principais: un de curta distancia con estacións de videovixilancia situadas a menos demedio quilómetro das embarcacións ou persoas; e un escenario experimental a unha distancia de entre 5 e 10 quilómetros da costa para o que se empregarán as torres de telecomunicacións de Retegal. “En ambos casos”, informa AMTEGA, “o sistema grava as imaxes da zona vixiada, analiza a información procedente das gravacións e, ante a detección dunha posible infracción, traslada a alarma ao centro de control e dispositivos móbiles en tempo real”. Ademais, o sistema almacena a información permitindo a consulta e recuperación das imaxes gravadas.
Sobre os contidos e repercusións legais que se desprenden da súa aplicación, a axencia certifícase en que Videoguard “garante o respecto á privacidade requirida pola LOPD na monitorización e procesado de vídeo en espazos públicos, empregando técnicas de ocultación selectiva daqueles patróns visuais que puidesen permitir a identificación de persoas e embarcacións nas gravacións; deste modo, o persoal de vixilancia poderá constatar que unha persoa ou embarcación está a cometer unha infracción pero sen poder recoñecela de forma inmediata”. Por certo que este proceso de agochado de sinais identificativos será “reversible”, engade AMTEGA, “podendo ser recuperada a imaxe orixinal por parte de persoal autorizado cando sexa necesaria a identificación, ou ben a achega da gravación como evidencia en caso de denuncia”.
Videoguard estará en fase de probas en dous concellos costeiros ata finais de ano
Compartir Este Artigo
