A Comisión Nacional do Mercado da Competencia vén de publicar o Informe de Comercio Electrónico do II Trimestre de 2013 que contabiliza as compras realizadas a través da Internet con tarxetas de crédito ou débito, reflectindo os mellores resultados da historia e superando a barreira dos tres mil millóns de euros en facturación, o que supón un incremento interanual do 20,6%.
Por sectores en España seguen a ser líderes as axencias de viaxes e operadores turísticos, que rexistran o 16,4% da facturación total, destacando no sector do turismo tamén a relevancia do transporte aéreo (12,4%) e do transporte terrestre de viaxeiros (4,9%).
Se en vez de falar en volume económico miramos o número de operacións vemos como as actividades a cousa muda e o sector turístico vese superado polos discos, libros, xornais e a papelería, que lidera o ranking co 10,5% das operacións, mentres que as viaxes e os operadores turísticos rexistra só o 6,4% das operacións, pouco por diante da publicidade (6,3%) e do marketing directo (6%).
Cómpre destacar que ramas de actividade con grande presenza mediática, como son os xogos de azar e apostas e as prendas de vestir só acadan o 4,7 e o 2,9% do volume de operacións durante o segundo trimestre de 2013.
No que respecta a orixe e destino das operacións o crecemento produciuse en todas as perspectivas, medrando o e-commerce dende España ao estranxeiro nun 15,1%, dentro de España un 19,5% e dende o exterior de España un 39,7%. Pese a este crecemento a nosa balanza comercial segue a ser negativa, cun déficit trimestral de 759,1 millóns de euros. A Unión Europea segue a ser o destino preferido para mercar pola Internet (acaparando o 89,3% das compras no estranxeiro), quedando EE.UU. nunha afastada segunda opción (co 4,7% das operacións).
O comercio electrónico en España facturou 3.185,3 millóns de euros no segundo trimestre de 2013
Compartir Este Artigo

