A Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), entidade responsable de controlar que o uso de aeronaves tripuladas por control remoto en España realízase no ámbito da lei e a seguridade, publicou estes días unha nota sobre o uso de drones en España, detallando que non está permitido o seu uso no noso territorio con fins comerciais ou profesionais, para realizar actividades consideradas traballos aéreos (fotogrametría, agricultura intelixente, reportaxes gráficas, inspección de liñas ferroviarias, vixilancia de fronteiras, detección de incendios forestais…) aínda que recoñece a posibilidade de empregar aeronaves para fins deportivos ou de lecer cumprindo coa regulación actual que rexe a práctica do aeromodelismo.
Os aeromodelos voan por debaixo dos 100 metros de altura, non poden voar sobre núcleos urbanos nin sobre grupos de poboación e deben voar en zonas habilitadas para elo, podendo supor sancións en caso contrario. Dende a AESA tamén lembran que existen regulamentos municipais e autonómicos a estes respecto, que deben consultarse antes de realizar esta práctica que en ningún caso poderá ter carácter comercial.
Aínda que nun principio podería solicitarse a AESA a realización de traballos aéreos especializados, na práctica iso non é posible porque aínda non está aprobada a nova normativa que regulará o uso de drones, polo que o traballo con este tipo de equipamento na actualidade estaría fóra da legalidade. A AESA si poderá autorizar voos de desenvolvemento ou de demostración, así como os voos precisos para a certificación destas aeronaves.
A normativa que está a elaborarse establecerá unha categoría para estas aeronaves que indicará as certificacións que precisarán, así como outras condicións para o seu uso, especificándose incluso os casos nos que os drones poderían quedar exentos de dispor de matrícula e certificado de aeronavegabilidade.
A AESA detalla que en recintos pechados, como pavillóns deportivos ou centros de convencións, si podería estar permitido o uso de drones, por non formar parte do espazo aéreo. Os estadios de fútbol só poderían considerarse recintos pechados se estivesen totalmente cubertos.
O uso profesional de drones aínda non é legal en España
Compartir Este Artigo

