Aínda que Windows Phone 8.1 non chegará oficialmente ata o vindeiro verán, para que os desenvolvedores poidan ir adaptando as súas aplicacións para a actualización do sistema operativo móbil de Microsoft, dende hoxe está dispoñible a súa versión preliminar (sen algunhas características que aínda están a pulirse), polo que practicamente calquera interesado pode acceder a un adianto do que supón a clara consolidación desta plataforma que avanza para situar á altura dos seus competidores.
Tras instalar esta actualización é posible gozar dun novo escritorio no móbil (que pode configurarse cunha imaxe de fondo e con 2 tamaños distintos de baldosas para dispositivos con pantallas de a partir de 4,5 polgadas), un centro de notificacións que corrixe a principal eiva de Windows Phone (a dificultade atender a notificacións de aplicacións que non estivesen ancoradas no escritorio, á vez que integra atallos a funcións moi usadas como configurar Wi-Fi e Bluetooth ou colocar o móbil en modo avión), facilita a busca de xogos dende o menú de aplicacións (antes só estaban dispoñibles a través do hub de xogos), estrea varias aplicacións chamadas sensores (para xestionar o almacenamento, o consumo de datos ou incluso o consumo de batería), incorpora a posibilidade de empregar Miracast para facer espello dos contidos no móbil nun receptor compatible, engade soporte para VPN, sincroniza o navegador web Internet Internet 11 con outros dispositivos, permite controlar de xeito independente o volume dos tons e notificacións e da multimedia e as aplicacións, a radio FM e os podcasts gozan agora de aplicacións de seu, mellora o seu teclado en pantalla cun sistema de entrada de palabras sen levantar o dedo da pantalla e, no caso de que configuremos o móbil como se estivésemos nos EE.UU. (elixindo tamén o inglés como idioma) poderemos probar o asistente persoal Cortana (especie de mestura entre Siri e Google Now con grande potencial, pero que aínda está nunha fase pouco madura e sen soporte internacional).
Nos vindeiros meses iranse desenvolvendo as prestacións que faltan para completar o que será o Windows Phone 8.1 que chegará ao público no verán, facendo cada vez máis solvente a plataforma móbil de Microsoft, tanto para usuarios particulares como para o seu uso na empresa.
Outro detalle salientable é que o novo sistema operativo incorpora novidades na administración de idiomas, adoptando unha estrutura análoga á de Windows 8.1, o que facilitará a incorporación de novas linguas entre as que figurará o galego, como demostra o feito de que algunha das aplicacións do sistema aparezan na nosa lingua.
Windows Phone 8.1 estrea versión preliminar
Compartir Este Artigo

