Vodafone España amosou este martes os números do seu último ano fiscal (do 1 de abril de 2013 ao 31 de marzo de 2014). No informe hai datos xenéricos a ter en conta, como o que se refire á facturación total da división española da compañía, que foi de 4.169 millóns de euros. Por outra banda, os ingresos por servizos acadaron os 3.828 millóns de euros, “un 13,4% menos que o exercicio anterior”, informa a compañía. A caída dos custos de interconexión restou 3,3 puntos porcentuais ao crecemento dos ingresos por servizos. Con todo, o descenso dos ingresos non foi uniforme. De feito, suavizouse ao longo do ano fiscal, cunha redución do 12,6% no cuarto trimestre do ano fiscal, fronte ao 14,1% do terceiro e o 16,1% do segundo.
Segundo explica Vodafone facendo referencia aos motivos desta caída decrecente, “a esta menor redución contribuíu o aumento nun 6% dos ingresos do negocio fixo no último trimestre”. Os ingresos por servizos ascenderon neste período a 902 millóns de euros. No informe tamén hai datos de valor sobre a compra de ONO por Vodafone, un proceso do que falamos en detalle en Código Cero salientando cousas como que a venda afectou ao 100% do capital da compañía española ou que a mesma foi acordada mediante unha cifra final de 7.200 millóns de euros (incluíndo unha débeda de 3.400 millóns). Pois, segundo se reflicte agora no informe de Vodafone, a idea é reforzar o negocio en España a través da dita adquisición e isto xa se está deixando ver en certos sinais que certifican o atinado do proceso para a operadora. “Co acordo de compra e a aceleración dos seus plans de investimento”, informa Vodafone, “situámonos como provedores líderes de comunicacións integradas en España e avanzamos na nosa proposta de ofrecer a mellor experiencia ao cliente”. A operación permitirá a Vodafone ofrecer acceso de fibra inmediato a máis de 7,5 millóns de fogares e acelerará o lanzamento de novos servizos converxentes.
Ademais, está previsto que a compra xere importantes aforros. Estes serán de natureza recorrente e andarán arredor dos 240 millóns de euros a partir do cuarto ano do peche da compra, excluíndo os custos de integración. O seu valor actual neto é equivalente a 2.000 millóns de euros despois dos custos de integración.
Polo que se refire á carteira de clientes de ADSL da operadora, dicir que acadou a cifra de 1.026.000 de usuarios a peche do ano fiscal, “tras un crecemento marca no último trimestre de 73.000. “O bo resultado comercial”, explica Vodafone, “reflicte a excelente acollida dos plans de prezos integrados fixo-móbil anunciados o pasado mes de novembro”. A 31 de marzo, o 85% dos clientes de banda larga fixa estaban tamén subscritos ao servizo de telefonía móbil de Vodafone. Asemade, di a compañía, “do total de altas rexistradas nos últimos meses máis da metade dos usuarios subscribíronse a plans de prezos converxentes fixo-móbil”.
Vodafone España foi quen de facturar 4.169 millóns no seu último ano fiscal
Compartir Este Artigo
