
A idea básica era achegar coñecemento útil sobre algo que os profesores xa non son quen de ver con tanta claridade como a través das metodoloxías docentes tradicionais: as reaccións dos estudantes ante a información e a comunicación que reciben. De feito e segundo apuntan os investigadores, tanto nun tipo de aprendizaxe coma noutro, a avaliación debera xogar un papel decisivo. “Nun contexto presencial”, din, “o docente pode observar o comportamento do alumnado e identificar diferentes vías que faciliten a avaliación sen inducir ao estres, porén, nas contornas e-learning, o contacto directo é imposible e, polo tanto, deben existir formas alternativas que faciliten a detección destas situacións de tensión”. O traballo destes investigadores consiste polo tanto en propor un módulo de estudo dos problemas de aprendizaxe posibles para a súa aplicación durante o exame virtual do alumnado, un sistema que é quen de indicar ao docente os intres de tempo máis propicios para intervir así como os contidos que causan maiores dificultades.
O desenvolvemento desta ferramenta electrónica, informa a UVigo, permitiu aos investigadores lusos e galegos realizar un primeiro estudo dos efectos do estres na avaliación nas plataformas dixitais. Nel, analizaron os cambios de comportamento e patróns de interacción na plataforma Moodle, recollendo todo tipo de datos de uso do rato e do teclado, como o tempo de presión de tecla, a velocidade, a aceleración ou o tempo entre clics. No estudo participaron 74 estudantes de 13 e 17 anos, divididos en seis grupos, aos que se lles pediu que realizaran unha determinada actividade en dous escenarios diferentes na plataforma. Nun escenario A, sen estres, os estudantes realizaron unha actividade de consolidación de coñecementos, sen que o docente establecera ningún tipo de condicionante para a súa realización. Nun escenario B, de estres, o profesor, despois de explicar aos alumnos o tipo de avaliación ao que ían ser sometidos, comentoulles as características desta nova proba e informoulles do tempo límite para realizala, condicións que se lle repetían constantemente aos participantes na proba.
Os resultados obtidos apuntan que en situacións de sometemento a unha actividade intensa os alumnos tenden a comportarse de forma máis eficiente, “estando máis centrados no seu obxectivo e realizando movementos máis estables e precisos para optimizar o seu desempeño”, informa a UVigo. Porén, engade, “tenden a obter resultados algo peores, cometendo confusións ou malas interpretacións, algo que no escenario sen estres non acontece”.
