TripAdvisor, unha das web de viaxes que conta con máis seareiros, anunciou este xoves o lanzamento dunha funcionalidade de natureza práctica para a súa aplicación móbil para smartphones, unha función que non require conexión e que permite aos usuarios descargar os comentarios da comunidade, as súas fotos e os mapas de múltiples cidades. Este acceso á información pódese facer antes de viaxar e durante o desprazamento en si mesmo malia que non se conte con conexión de datos. A funcionalidade inclúe polo de agora máis de 300 mapas urbanos de todo o mundo, “aos que seguirán outros moitos máis”, informan os seus desenvolvedores.
O obxectivo era o de achegar un recurso de utilidade aos viaxeiros, nin máis nin menos. Segundo informan os impulsores da web, está claro que cada vez máis os viaxeiros toman decisións espontáneas sobre onde ir e que facer, precisan botar man de imaxes e mapas que lles axuden a escoller os hoteis a última hora, restaurantes e lugares de interese para visitar, “todo evitando as custosas tarifas de itinerancia” (que seguen a ser altas para moitos petos malia as rebaixas introducidas, das que falamos estes días en Código Cero).
Para acceder á nova función offline, os usuarios da aplicación de TripAdvisor poden buscar unha cidade botando man da ferramenta cando teñan unha conexión de datos dispoñible e pulsar o botón para descargar o contido da cidade. Unha vez descargado, a app pasará de xeito automático ao modo fóra de liña amosando ata 10 comentarios por lugar de interese cando non haxa conexión de datos, mentres que pasará á versión completa da app cando haxa datos móbiles ou conexión Wi-Fi.
TripAdvisor saca unha funcionalidade offline para documentármonos sobre a marcha dos lugares que visitamos
Compartir Este Artigo
