De AFFINImeter, un software de modelado e análise con gran potencial para optimizar o desenvolvemento de fármacos, falamos recentemente e con moito detalle. Avanzabamos que detrás do seu desenvolvemento atópase unha spin-off da Universidade de Santiago (Grupo de Materia Branda e Biofísica Molecular) e que entre ás súas principais características áchase a de facer máis sinxelo o extremadamente complexo (o labor de modelado de análise, que require cousas como un estudo exhaustivo das interaccións entre as proteínas patolóxicas ligadas a doenzas e os compoñentes que as neutralizan (os fármacos). Tamén sinalamos que AFFINImeter bota man dos recursos de cálculo do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Pois ben, temos máis detalles sobre esta nova ferramenta tecnolóxica galega, para comezar que vén de ver a luz a súa versión beta. Ademais, está a ser presentada xa en mercados internacionais.
Como lembraremos, AFFINImeter, desenvolvida pola spin-off Software 4 Science Developments (S4SD), diríxese a simplificar o desenvolvemento de produtos eficaces en laboratorio, un proceso que adoita ser extremadamente complexo. Segundo nos recordan fontes do CESGA, algo tan común como crear un medicamento implica estudos previos moi exhaustivos sobre (entre outras cousas) os xeitos de relacionárense dos elementos dunha e doutra beira (a doenza por un lado e o fármaco polo outro). “O habitual”, sinala o centro galego, “é traballar con estruturas químicas moi complexas, nas que o fármaco non se poida separar quimicamente ou nas que as proteínas teñan varios sitios de unión co fármaco, cada un deles con distinta afinidade”. En definitiva, cada factor debe estudarse de forma individual e en combinación cos demais. “O mesmo acontece en produtos moi diversos que impactan na nosa vida cotiá”, explica o CESGA, sendo a clave fundamental “acertar coa fórmula máis eficaz para resolver un problema determinado en laboratorio”. Isto require un proceso arduo de investigación. O software galego do que estamos a falar entra en xogo neste punto, precisamente: abreviando, simplificando e axilizando o devandito proceso.

Como dixemos, o software xa ten dispoñible a súa versión beta precomercial. Esta versión foi lanzada esta mesma semana, o martes 8 de xullo. A idea é ampliar en breve a capacidade de acción da ferramenta. Segundo conta un dos responsables do seu desenvolvemento, Ángel Piñeiro, “cando teñamos representadas todas as posibilidades de simulación de agregación, disociación e asociación molecular, queremos abranguer outras características, por exemplo, cambios nas estruturas das moléculas”. E engade: “O noso obxectivo a longo prazo será explorar que outras demandas de análises de datos científicos hai no mercado e implantalos na plataforma”.
Como dixemos, S4SD atópase en plena fase de presentación do seu produto a potenciais clientes. Juan Sabín, desenvolvedor de negocio, está a participar en varias conferencias de gran relevancia en EE UU dentro do seu ámbito de actuación, como CALCON 2014 e DiPIA 2014. Nesta última, sinala Sabín, AFFINImeter foi “moi ben acollido” e espertou o interese comercial de polo menos una das empresas farmacéuticas asistentes.
AFFINImeter lanza a súa versión precomercial e preséntase xa nos principais mercados
Compartir Este Artigo
