A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) vén de publicar o Informe sobre o comercio electrónico en España a través de entidades de medios de pagamento correspondente ao terceiro trimestre de 2013, no que se rexistrou un volume de negocio record con 3.291 millóns de euros, o que supón un crecemento do 21,7% máis que o mesmo período do ano anterior.
Como vén a ser habitual, o sector do turismo a través das axencias de viaxe conseguiu mover 635 millóns de euros (o 19,3% do total), seguido polo transporte aéreo con 391 millóns (11,9%), o marketing directo con 164 millóns (5%) e o transporte terrestre de viaxeiros con 148 millóns (4,5%), categorías ás que uniuse en quinto lugar un sector emerxente, o das prendas de vestir, que con 102,8 millóns de euros conseguiu acaparar o 3,1% do volume total de operacións, o que supón un crecemento interanual do 49%, no que podemos entender que xogou un papel decisivo o grupo Inditex coa súa tardía pero moi forte aposta pola Rede como canle de venda.
Se en vez de medir o volume económico das operacións, e analizamos o número de transaccións, o sector que continúa á cabeza é o da compra venda de discos, libros, xornais e papelería (10,9%) ao que seguiron as axencias de viaxes e os operadores turísticos (6,9) e a publicidade (6,4%).
O comercio electrónico en España continúa a medrar en facturación
Compartir Este Artigo

