A Universidade de Santiago anunciou estes días a súa participación nunha iniciativa que normaliza e difunde as vantaxes do fluxo de coñecemento dixital entre institucións educativas. Máis polo miúdo, trátase dun proxecto da Unión de Editoriais Universitaria (UNE) e a Rede de Bibliotecas Universitaria da CRUE (REBIUN) para o desenvolvemento dunha plataforma que permita o intercambio de libros electrónicos sobre un modelo de consulta arestora en fase de desenvolvemento. Xebook e OdiloTK constitúen as plataformas que posibilitarán a editores e bibliotecas dispor de espazos de seu para almacenamento e ofrecer “opcións máis seguras para a autenticación de usuarios/as e o control das obras depositadas”, informa a USC.
Por certo que máis tarde, as plataformas permitirán tamén mercar libros electrónicos para ofertalos en préstamos dende as propias bibliotecas. Por parte da USC, traballan nesta iniciativa a Biblioteca Universitaria e máis o Servizo de Publicacións, apoiando o seu labor directamente na plataforma Xebook, de orixe galega. Xunto coa institución compostelá, atópanse as universidades de Salamanca, Burgos e Cádiz. “Esta primeira experiencia continuará ampliándose en contidos e institucións implicadas a partir do vindeiro outono”, salienta a USC.
Por certo que de Xebook temos falado xa en repetidas ocasións dende Código Cero, como por exemplo para destacar a súa integración nas universidades de León, Salamanca, Valladolid ou Burgos. A plataforma vén da man da empresa galega Xercode, que con este desenvolvemento posibilita a bibliotecas e editoriais abordar o préstamo de libros electrónicos. “A través da tecnoloxía de XeBook”, informaba daquela a empresa, “as bibliotecas poden incorporar de maneira simple e centralizada o novo fluxo dixital, desde a adquisición e xestión das coleccións dixitais ata a incorporación ao catálogo e o acceso aos contidos a través do servizo de préstamo”. A xuízo de Xercode, a dita ferramenta tamén é unha canle editorial a ter en conta, xa que ten potencial para ofrecer a editores e provedores de contidos unha canle transparente e flexible “que xera o grao de confianza preciso para o establecemento das relacións contractuais que debe rexer o préstamo de contidos dixitais”.
A USC participa nun proxecto de intercambio de ebooks entre universidades
Compartir Este Artigo
