
Segundo informa a empresa galega, o eShow é o principal circuíto feiral na península Ibérica e Latinoamérica, dedicado a cuestións como o comercio electrónico, a hospedaxe en liña, as redes sociais, as tecnoloxías móbiles, a sinatura dixital ou a computación na nube.
Redegal acode ao salón “coa complexa tarefa de manterse entre as firmas de referencia nun sector cada vez máis competitivo e en constante cambio”. Avanzando nesta liña de adiantarse mesmo á innovación, a compañía con base en Ourense puxo pé na feira cun concepto de caseta creativa (54) dende a que transmitir, de xeito virtual e literal, os valores propios da empresa. Segundo engaden fontes da firma galega, estes valores son “deseño, operatividade, facilidade de uso e inmediatez”. Os profesionais que acudan á caseta, explica Redegal, “terán a oportunidade de coñecer de primeira man os últimos proxectos da empresa no eido do comercio electrónico e das aplicacións móbiles, pero tamén novas solucións e contidos dixitais para a optimización das súas estratexias de venda e mantemento de clientes por vía online”.
Asemade, estará accesible para coñecemento do público un novo medio interactivo con contidos dixitais para potenciar o mantemento do cliente no tempo e a integración das contornas off e online. Ademais, hoxe pola tarde ás 17.15 horas, está previsto que interveña na actividade Fast Talk o director de Operacións de Redegal, Gerardo Rodríguez, co relatorio Integración de e-Commerce cos sistemas de xestión da empresa (ERP, CRM…). Xusto despois, Raquel Fernández Lozano, xefa de Novos Negocios de Redegal, participará ás 17:30 cun relatorio co que explicará a planificación e execución das mellores prácticas en torno ás canles móbiles.
Redegal amosa no eShow de Madrid a súa nova artillería en comercio electrónico e aplicacións
Compartir Este Artigo
