
Os responsables do programa difundirán os seus resultados o vindeiro día 15 en Amberes, Bélxica, nunha sesión aberta e de balde que poderá seguirse en liña. Grazas a isto, informa a USC, as persoas interesadas na cuestión mulleres-TIC terán a oportunidade de asistir ás diversas conferencias encamiñadas a afondar na fenda de xénero existente no sector tecnolóxico-dixital en Europa e as súas posibilidades laborais, o emprendemento con TIC como un ámbito estratéxico para a Unión Europea e as diferentes iniciativas europeas entre as que se atopa o proxecto ICT-Go-Girls!
A USC engade tamén que ese día desenvolveranse diversas sesións con estratexias prácticas, actividades educativas e ferramentas de utilidade para promover o espírito emprendedor con TIC das alumnas de secundaria.
Como lembraremos, o proxecto ICT-Go-Girls vai dirixido a rapazas de Secundaria do ámbito europeo e inclúe, entre outras moitas cousas, metodoloxías de aprendizaxe e probas para mellorar as habilidades emprendedoras das mozas a través das canles e as ferramentas 2.0.
A aplicación práctica está a correr a cargo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), á que cómpre engadir as seguintes institucións: Die Berater (Austria), Spoleczna Akademia Nauk (Polonia), Instituto Fraunhoffer IAO-Stuttgart Uni (Alemaña), CVO Antwerpen-Zuid (Bélxica) e Donau-Universitat Krems (Austria).
“O proxecto”, explicaban fontes do CESGA en novembro de 2012 e coincidindo coa súa presentación, “constrúese arredor de recursos e ferramentas de código aberto en acceso libre, como as destinadas á creación de cartafoles virtuais, simuladores de xogos, actividades educativas e de lecer virtuais, deseño dixital, creación de redes sociais entre as rapazas participantes, desenvolvemento de contornas en 3D, escaparates virtuais de compañías, concursos e xogos entre os centros de ensino participantes, entre outros puntos”.
As actividades que se celebran tamén facilitan o contacto con mulleres de negocio falando de cadanseu caso de éxito, accións de asesoramento levadas a cabo por mentoras e ata unha comunidade 2.0 para dar cabida ao fluxo e intercambio de experiencias no camiño da innovación feminina.
O CESGA e a USC presentan os resultados do proxecto europeo que impulsa ás rapazas nas TIC
Compartir Este Artigo
