Continúa o avance de Android 5.0 dentro da familia Nexus, e aínda que a distribución desta actualización de xeito automático para os millóns de dispositivos que hai en todo o mundo é sempre progresiva, os máis impacientes sempre pode recorrer a instalar manualmente a nova versión do sistema operativo, o que onte afectou aos terminais Nexus 5, Nexus 7 (Wi-Fi) e Nexus 10, e hoxe mesmo chegou a imaxe de Lollipop para o Nexus 4, que é un terminal relativamente vello (chegou a Europa hai 2 anos), que deste xeito pode refrescarse, conseguindo alongar moito a súa vida, facendo que moitos consumidores manteñan a súa confianza na liña Nexus como garantía de dispositivos actualizados a longo prazo e sen ter que agardar meses como acontece con moitos outros fabricantes.
Que o Nexus 4 poida gozar dende hoxe de Android 5.0 é unha grande nova para moitos consumidores, pois podemos lembrar que o terminal tivo unhas vendas masivas, especialmente despois de que no verán de 2013 reducise o seu prezo oficial en 100 euros, chegando aos 299 euros, converténdose nunha oferta extraordinariamente atractiva, que o converteu no mellor smartphone en relación calidade-prezo do mercado (pasos que podemos entender que logo seguiría Motorola co seu Moto G).
Cómpre destacar que para instalar as imaxes de Lollipop publicadas por Google é preciso borrar os contidos almacenados no terminal móbil, de xeito que non é exactamente unha actualización, polo que só sería recomendable para usuarios moi ansiosos, mentres que o resto poden agradar a que o seu dispositivo reciba a actualización de xeito automático.
O Nexus 4 xa pode actualizarse a Lollipop
Compartir Este Artigo

