A revista Time leva anos facendo un repaso dos mellores inventos do ano con bastante acerto, de xeito que en 2006 destacara a YouTube e en 2007 o iPhone, creacións que demostraron ter un grande impacto nas nosas vidas, pero na relación cos 25 mellores inventos de 2014 posiblemente non atopemos produtos tan salientables, pois entre os trebellos destacados figuran o Apple Watch (que realmente será un produto en 2015), o Blackphone (smartphone que coida a privacidade, pero que algúns críticos consideran que non é tan seguro como aseguraban inicialmente), a neveira Coolest Cooler (que foi o produto de máis éxito en Kickstarter este ano), o Surface Pro 3 de Microsoft (tablet que aspira a ocupar o lugar dos ordenadores portátiles) e o anel conectado Ringly (que introduce o concepto smart na xoiería).
Máis interesante son o caso dalgunhas tecnoloxías citadas, como a WiTricity, desenvolvida por Toyota, Intel e outros, para poder achegar corrente sen fíos nin contacto a unha distancia de ata 2,4 metros, o que podería permitir que unha única base puidese achegar corrente a todos os trebellos que haxa ao seu redor, mudando considerablemente o escenario tecnolóxico no que a principal limitación para unha vida sen cables é o subministro eléctrico.
Os 10 mellores gadgets de 2014
Paralelamente a revista Time tamén publica unha relación cos 10 trebellos máis destacables do ano, que serían un porteiro automático conectado, o Doorbot, o iPad Air 2, o Jawbone UP3, o Mophie Space Pack, a cámara HERO4 GoPro, o iPhone 6 Plus, o segundo kit de desenvolvemento de realidade virtual de Oculus Rift, o dron con cámara DJI Phantom Vision+, o sistema de domótica SmartThings Starter Kit e o Apple Watch. Sen dúbida unha relación moi norteamericana, centrada especialmente en produtos de Apple (ou que funcionan en combinación cos mesmos) ou que dificilmente poden adquirirse fóra das súas fronteiras, e dos que un par deles (as Oculus Rift e o Apple Watch) non son aínda produtos comerciais, polo que non teñen moito sentido na relación do presente ano, xa que son produtos en desenvolvemento.

