A empresa galega Stukers, centrada en achegar tecnoloxía para facilitarnos ao máximo a procura dunha vivenda compartida, está a promover xa os seus servizos en todo o ámbito estatal. Como lembraremos, Stukers é unha das iniciativas que participan na aceleradora Galicia Open Future de Telefónica (Centro de Emprendemento do Gaiás en Santiago), tirando o máximo partido da fórmula de crowdworking, emprendemento e innovación achegada pola operadora. Na presentación da aceleradora, Rodrigo Garrido, un dos responsables de Stukers, dixo que estamos ante un servizo de interese para estudantes ou xente nova que queira independizarse, “poñendo preto do usuario as persoas da comunidade en liña máis potencialmente idóneas coas que compartir piso”. Ou sexa, aquelas coas que o usuario tería máis cousas en común. Detrás de Stukers, que xa ten 7.500 usuarios, atópanse catro emprendedores galegos. A súa arela, “achegar convivencias perfectas”.
Segundo engaden agora os creadores da iniciativa, con motivo do lanzamento definitivo de Stukers a nivel español, o portal online céntrase “na parte humana da vivenda para que calquera persoa poida atopar amigos nos seus compañeiros e a vida baixo un mesmo teito sexa unha grata experiencia.” Para iso, Stukers fai un test de 5 preguntas co obxecto de pescudar como é cada persoa na convivencia.
As orixes e os porqués
“O servizo”, explican, “naceu da nosa intención de axudar aos nosos propios compañeiros cando estabamos na carreira, propuxémolo como proxecto fin de grao pensando en facer algo que nos puidese ser útil a todos nós”. Así nolo conta Roberto Andrade, outro dos impulsores da empresa, que sinala que a súa experiencia buscando e compartindo piso tamén foi importante á hora de pensar “en que queriamos ofrecer”. E di: “Con esta web queremos achegar coñecementos sobre o estilo de vida de cada unha das partes sen deixar de lado a procura de piso”.
Por certo que a web tamén fornece aos propietarios unha plataforma a través da cal poden promover o seu piso buscando directamente a aqueles inquilinos que lles resulten máis idóneos. “Tanto caseiros como compañeiros que teñen habitacións ceibes poden ofrecer datos ás persoas que buscan aloxamento e poden ver os perfís doutros usuarios para decidir cal é o seu candidato ideal”, sinalan.
O portal permite buscar compañeiros, filtrar segundo os seus trazos de personalidade, ver os perfís de posibles futuras persoas coas que convivir e contactar libremente con elas.
Arestora, Stukers conta con máis de 2.000 vivendas en toda España.
O servizo galego Stukers xa acubilla 7.500 usuarios á procura da “convivencia perfecta”
Compartir Este Artigo
