O proxecto InnovaTE2 da Deputación de Lugo conclúe hoxe cun relatorio de excepción a cargo dun dos blogueiros galegos de meirande percorrido en materia de comunicación dixital e, máis en detalle, en materia de liberdades relativas á Sociedade do Coñecemento. Falamos de Enrique Dans, experimentado combatente a prol de tirar abaixo todo aquilo que se poida interpoñer entre o dereito á información e a cidadanía. O relatorio, que comeza ás 17.00 horas no salón de actos do Pazo de San Marcos (Lugo), desenvólvese baixo o seguinte epígrafe: Espremendo a rede, reflexións sobre a alfabetización dixital.
A cita con Dans, que chega despois do éxito colleitado a semana pasada cos relatorios e José Antonio Rodríguez (alcalde de Jun) e os responsables de Yo fui a EGB, significará o broche de ouro do devandito proxecto InnovaTE2. O blogueiro abordará, na súa intervención, as novas canles de busca, a organización e o intercambio de información ou a cuestión dos novos medios de expresión e a relación que as novas tecnoloxías e a Rede teñen incorporado ao día a día de persoas de todo o mundo. A asistencia á conferencia é de balde e libre ata completar aforo. Todos os interesados que finalmente non poidan acceder ao salón de actos poderán seguir a conferencia íntegra e en tempo real, en streaming, a través da web da Deputación de Lugo, grazas ao traballo da Fundación TIC.
Traxectoria do relator
Enrique Dans, licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, a día de hoxe exerce de profesor de Sistemas de Información na IE Business School dende o ano 1990, materia esta na que está doutorado pola Universidade de California en Los Ángeles (UCLA). Alén do seu labor docente, Dans traballa de asesor tanto para compañías como para startups, en medios de comunicación en temas relacionados coa rede e a tecnoloxía. Enrique Dans salienta ademais como blogueiro, a través de enriquedans.com, o seu caderno en liña persoal e un dos máis populares en lingua española en todo o mundo, rexistrando máis de 230.000 seareiros habituais.
