Na mañá de hoxe a directora de Turismo, Nava Castro, presentou unha tecnoloxía para dispositivos que amosa en detalle a nosa terra a quen estea lonxe dela (ou a quen, estando dentro, queira coñecela mellor). A aplicación móbil Turismo de Galicia é unha tecnoloxía de realidade aumentada que, en palabras de Castro, “constitúe unha ferramenta de axuda tanto para o turista potencial que queira coñecer Galicia como para o viaxeiro que estea xa de visita”. Na presentación tamén participou Carmen Pita, directora de promoción, e o responsable da área de innovación, Jorge Barreiro.
Na cita cos medios tamén se fixo saber que a app é unha posta ao día da aplicación previa de Turismo de Galicia, co extra engadido (entre outros) de achegar un camiño máis doado e sinxelo para a súa localización e descarga nas distintas plataformas móbiles.
Segundo fixo saber Nava Castro, a ferramenta “permite coñecer de antemán a localización e información dos recursos e servizos turísticos de Galicia como os aloxamentos, os restaurantes, a artesanía, os museos ou as oficinas de turismo entre outros moitos, así como a información dos recursos que están preto da posición do viaxeiro que xa está a coñecer Galicia mediante a xeorreferenciación”.
Castro tamén explicou que a actualización opera “de xeito que detecta se o viaxeiro se atopa ou non nosa terra e amósalle unha serie de Recomendacións directas, como son as sete cidades mais importantes ou un buscador do concello que desexe”. O resultado, engadiu, “é a localización no mapa dos recursos que se atopan nun punto central”. A partir de alí o usuario pode navegar e explorar o resto da cidade, vila ou lugar elixido.
En caso de que o usuario estea no noso territorio, o sistema permítelle activar a función de Explorar e dar conta dos recursos que estean preto da súa posición, mediante o GPS do móbil. “Escollendo un deles”, fíxose saber na presentación, “o usuario obterá toda a información que Turismo de Galicia achega sobre el, incluíndo fotografías, web de referencia, teléfono, correo electrónico, mapa co seu posicionamento e o cálculo de como chegar botando man de Google Maps”. Tamén poderá acceder a unha listaxe, que lle amosa os recursos recuperados a partir do seu posicionamento nun radio de acción predefinido.
No acto de hoxe tamén se salientou a funcionalidade Preto de min, que lle deixa marxe ao usuario para ver sobre a pantalla do seu móbil, en modo cámara fotográfica, os recursos nos arredores nun radio dun quilómetro. Igualmente destacouse que a remodelación da ferramenta incorporou a substitución do fondo de cámara por un mapa, “deste xeito o usuario non só atopará os recursos, senón que os poderá xeorreferenciar, visualizando tamén as estradas, os edificios e outros elementos destacados, para chegar ata este”.
Turismo actualiza a súa aplicación e pon en xogo funcionalidades avanzadas de realidade aumentada
Compartir Este Artigo

