Coa entrada de 2016 a empresa galega Contact Comunicación está a celebrar os seus dez anos de actividade, en palabras dos responsables da firma “unha década de traballo para achegar aos clientes todas as posibilidades de comunicación corporativa que existen no mercado en cada momento e a nivel interno esforzándonos en captar clientes fóra de Galicia”. Contact, no seu repaso por estes dez anos de plans estratéxicos (con accións directas para os seus clientes nas redes sociais, na Internet e no comercio electrónico), lembra que unha década “dá para moito” (moitos compañeiros de viaxe, moitos clientes, “algunhas rifas e dores de cabeza”) e que mesmo houbo tempo para recibir unha chea de recoñecementos.
Por exemplo: Mellor Desenvolvemento TIC de Galicia, Finalistas Premios EGANET (comercio electrónico) e Finalistas Premios Innova-G (desenvolvemento de aplicación móbil). Ademais, Contact foi elixida como un dos 100 mellores máis innovadores de España pola revista Actualidade Económica. Como recordaremos, a firma ourensá ten no seu haber iniciativas e desenvolvementos como o deseño da páxina web de Daveiga, o lanzamento de Orama (innovador sistema para a promoción de actividades culturais) e a campaña E ti que vés lendo? para o fomento da lectura, entre outros moitos proxectos.
Para comezar 2016 e con vistas ao futuro a curto e medio prazo, os responsables da empresa lembran que afrontan este ano “coas mesmas ganas de sempre de servir aos nosos clientes e de dignificar a mercadotecnia como ciencia que busca cumprir uns obxectivos baseándose por igual en creatividade e tecnoloxía”.
Contact celebra dez anos de actividade
Compartir Este Artigo

