O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou a convocatoria 2016 para o programa Retos-Colaboración, no marco do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación 2013-2016 (Ministerio de Economía e Competitividade, MINECO). Na pasada convocatoria (Retos 2015) Gradiant axudou a mobilizar fondos para proxectos de I+D+i por valor de máis dun millón de euros para os seus socios e clientes. Retos-Colaboración expón unha serie de desafíos definidos que contemplan grandes ámbitos de desenvolvemento de coñecemento, tecnoloxías e innovacións tanto disciplinares como sectoriais e propician a colaboración multidisciplinar e intersectorial dos distintos axentes do sistema, sendo determinante o problema ou reto que as actividades de I+D+i a desenvolver pretendan abordar.
Dentro dos Retos expostos atópanse topics que encaixan como unha luva dentro das liñas de traballo de Gradiant. Así, cómpre salientar de maneira especial os Retos 7 e 8, que son Economía e sociedade dixital e Seguridade, protección e defensa, respectivamente, por incidir en temas prioritarios do centro tecnolóxico galego.
Porén, propóñense tamén outras temáticas como as que incluídas no Reto 2, Seguridade e calidade alimentarias; actividade agraria produtiva e sustentable, e recursos naturais, nas que Gradiant pode sen dúbida achegar toda a súa experiencia adquirida a nivel europeo como chair de AIOTI (a Alianza Europea para a Innovación en Internet das Cousas, na que dirixe o Grupo 06, centrado en Smart Farming and Food Security), e en anteriores proxectos de Investigación e Desenvolvemento (I+D) sobre -entre outras cousas- seguimento, control, xestión e redes en Agricultura de Precisión.
O obxectivo da convocatoria é apoiar proxectos en cooperación entre empresas e centros tecnolóxicos como Gradiant, para desenvolver novas tecnoloxías, buscar a aplicación de novas ideas e técnicas por parte das empresas, e contribuír á creación de novos produtos ou servizos. “Un modelo de colaboración”, informan dende o centro galego, “que é precisamente a razón de ser de Gradiant, o centro tecnolóxico TIC de referencia en Galicia”.
Retos-Colaboración, engaden, quere xerar unha masa crítica en I+D+i, “necesaria para avanzar na procura de solucións de acordo coas prioridades establecidas, promover a creación de empresas innovadoras, orientar cara á innovación a actividade de empresas xa existentes, mobilizar investimento privado, crear emprego e mellorar tecnoloxicamente o Estado”.
O prazo para presentar as solicitudes iníciase o próximo 9 de febreiro e rematará o 9 de marzo.
Para máis información sobre Retos 2016, sinalar que xa está publicado o programa da convocatoria na web do Ministerio de Economía, idi.mineco.gob.es. Nela faise saber que a edición actual conta cun orzamento de 586.400.000 euros.
Gradiant, socio tecnolóxico de referencia para o programa Retos do MINECO
Compartir Este Artigo

