
Andrew Harmel-Law, Tech Principal en Thoughtworks e especialista internacional en arquitectura de software, defendeu na Coruña un cambio de enfoque na maneira en que os equipos tecnolóxicos toman decisións arquitectónicas. Cunha traxectoria vinculada ao desenvolvemento de software en distintos sectores e ao código aberto, o experto aposta por abandonar os modelos excesivamente centralizados e repartir a responsabilidade arquitectónica entre os integrantes dos equipos.
Durante a conferencia A Commune in the Ivory Tower: A New Approach to Architecture, celebrada onte abordou os problemas que aparecen cando as organizacións medran e adoptan arquitecturas baseadas en microservizos, equipos autónomos e entrega continua. Neste escenario, o modelo tradicional da chamada torre de marfil, no que un grupo reducido de especialistas concentra as decisións, pode converterse nun atranco para o desenvolvemento e a evolución dos proxectos.
«Unha arquitectura que nunca chega a produción non serve de nada», foi unha das ideas centrais da intervención. O relator expuxo a necesidade de conseguir que as decisións arquitectónicas se integren no traballo diario dos equipos, sen que os especialistas encargados desta función se convertan nunha figura de control que ralentice os procesos ou complique a actividade dos desenvolvedores.
A súa alternativa pasa por deixar atrás a concepción do arquitecto como autoridade encargada de supervisar as decisións e dar protagonismo á arquitectura como práctica colectiva. Deste xeito, calquera integrante dun equipo pode participar nas decisións técnicas cunha visión global, compartindo coñecementos e responsabilidades sen renunciar á coherencia dos sistemas.
Esta filosofía está relacionada coa súa propia concepción do desenvolvemento de software. Harmel-Law considera fundamentais as relacións entre as persoas, a arquitectura, os procesos e as ferramentas para crear solucións de gran escala capaces de responder a necesidades complexas dos usuarios e evolucionar de maneira sustentable. Unha visión que cobra especial relevancia coa expansión da enxeñaría axéntica e a incorporación de axentes de intelixencia artificial aos procesos de desenvolvemento.
A conferencia tamén incidiu na necesidade de democratizar as decisións arquitectónicas e asumir unha certa dose de anarquía produtiva, entendida como unha maior autonomía dos equipos fronte aos modelos xerárquicos tradicionais. A sesión estaba dirixida non só a arquitectos de software e responsables técnicos, senón tamén a enxeñeiros, responsables de equipos e desenvolvedores que participan nas decisións sobre o deseño e a evolución dos sistemas. Impartiuse en inglés con interpretación simultánea ao español.

O seu labor divulgativo inclúe a mentoría, a publicación de artigos e código aberto, así como a impartición de formación especializada en deseño guiado polo dominio e toma de decisións arquitectónicas. É autor de Facilitating Software Architecture, publicado por O’Reilly, e colaborador de Software Architecture Metrics, obra na que aborda a aplicación das métricas Accelerate e DORA á arquitectura de software.


