A Asociación Española de Anunciantes vén de recorrer a adxudicación de licenzas da Televisión Dixital Terrestre (TDT) por favorecer, sinala a plataforma, o negocio de dúas compañías concretas: o “duopolio” constituído por Mediaset e Atresmedia, que abranguen case o 90% da publicidade no medio. A denuncia dos anunciantes a conto do reparto máis recente de licenzas de TDT foi admitida a trámite polo Tribunal Supremo. Como lembraremos, estas novas concesións foron dadas a coñecer en outono do ano pasado. Atresmedia e Mediaset recibiron dúas licenzas en alta definición (dúas cada unha) da media ducia de permisos concedidos.
Esta resolución, sinalan os anunciantes, non fixo máis que fortalecer os intereses destas dúas compañías, que xa antes das novas licenzas sumaban 11 canles e máis do 50% da audiencia. Ademais, engaden, acaparan a meirande porcentaxe do “pastel” da publicidade.
Como lembraremos, as seis novas licenzas concedidas polo Goberno central están obrigadas a comezar as súas emisións antes de abril deste ano. A canle de Atresmedia, Atreseries, xa comezou a emitir o 22 de decembro cunha programación baseada na ficción e centrándose na achega de series españolas e internacionais de éxito. Segundo contan dende xornalistas.gal, de Mediaset “aínda se descoñecen cales van ser os contidos”.

