Avanzámolo dende Código Cero os días pasados, con motivo da entrega dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez 2015, pero agora a UVigo nolo confirma: José Pazos Arias, enxeñeiro da Escola Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén de ingresar na Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), onde pasará a ser membro académico da mesma. “Para min é unha honra que entendo como un recoñecemento á actividade de investigación e transferencia que vén realizado o grupo de Servicios para la Sociedad de la Información (SSI), do que son responsable, pero tamén ao prestixio gañado pola Escola de Enxeñaría de Telecomunicación dentro do sistema universitario”, sinala José Pazos.
Achegándonos un pouco á figura de Pazos Arias cómpre dicir que no ano 1988 incorporábase como profesor asociado a tempo completo á Escola Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación da USC. En 1990 Pazos axuda a conformar a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, acabada de inaugurar.
José Pazos, que se converterá no terceiro académico numerario da RAGC da Universidade de Vigo, trala incorporación dos tamén enxeñeiros Fernando Pérez e Pedro Merino, comezaba a súa andaina como investigador no eido das metodoloxías formais de deseño e desenvolvemento de sistemas software de comunicacións e, xa nos últimos anos, no desenvolvemento de tecnoloxías transversais de solución aos problemas de saturación de información, “derivados da inxente cantidade de información dispoñible en internet”. Precisamente a “experiencia como docente e investigador no ámbito das tecnoloxías da información e das comunicacións”, é a principal achega que o catedrático da Universidade de Vigo considera que pode realizar á RAGC.
Por último, engadir que nos vindeiros meses tamén ingresarán na Real Academia Galega de Ciencias o economista da Universidade de A Coruña, José Ramón Cancelo da Torre; o matemático da Universidade de Santiago, Juan José Nieto Roig e o enxeñeiro químico (tamén da USC), Juan Lema Rodicio.
O enxeñeiro de telecomunicacións José Pazos, na RAGC
Compartir Este Artigo

