Dende o Campus de Pontevedra queren dar resposta a unha cuestión suscitada os días pasados (resaca post-Nadal) nunha chea dos nosos fogares ou oficinas: que facer cos aparellos electrónicos e informáticos vellos que vimos de anovar con novas remesas de material? Pois ben, a Vicerreitoría quere que teñamos a mellor resposta posible á devandita pregunta e, por este motivo, vén de impulsar unha nova campaña para a reciclaxe axeitada de refugallos eléctricos e electrónicos (RAEE). A iniciativa, que se desenvolve ao longo desta semana, inclúe a habilitación de varios puntos de recollida nos accesos dos diferentes centros do Campus. Son caixas nas que calquera persoa, sexa membro da comunidade universitaria ou non, pode depositar os seus móbiles ou computadores vellos.
Segundo informa o director da Área de Planificación do Campus, Celso Cancela, esta é a segunda ocasión en que se celebra esta campaña de recollida en Pontevedra ao abeiro do proxecto Green Campus. A anterior edición levouse a cabo en maio e daquela fíxose realidade a recollida de máis de medio cento de aparellos. A actual campaña ficará activa ata o venres 5 de febreiro coa instalación de caixas para depositar estes residuos nas entradas das diferentes facultades e escolas, así como na Casa das Campás, na Escola Infantil e no Pavillón Universitario. Cancela recalca que aínda que a iniciativa sobre dirixida á comunidade universitaria, “estaríamos encantados tamén de que participen tanto os usuarios e usuarias destas instalacións como calquera persoa interesada”.
A recollida conta de novo coa colaboración da Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade, que, unha vez rematada a semana, “encargarase da recollida e traslado dos refugallos, para que un xestor autorizado proceso ao tratamento correspondente”, engade Cancela, que aproveita para facer “un chamamento á participación” de alumnado, profesorado e PAS a sumarse a esta iniciativa e “darlle saída a todos aqueles aparellos, desde cargadores ou teclados, ata secadores ou vellos xoguetes electrónicos, que fican estragados ou sen uso nos fogares, agás residuos como lámpadas e pilas que xa contan con colectores municipais propios para a súa reciclaxe”.
O Campus de Pontevedra fai un chamamento á reciclaxe cunha nova campaña de recollida de refugallos
Compartir Este Artigo

