Finalmente presentouse e púxose en marcha a edición 2016 (cuarta convocatoria) do campionato de modelado 3D de precisión con móbil D3Mobile Metrology World League 2016, un certame que se desenvolve en liña con alcance internacional e que vén da man do grupo USCAN3D da Universidade de Santiago. O concurso, que se dirixe a estudantes nacidos entre 1998 e 2000, contará para esta nova entrega co apoio do xogador de baloncesto Pau Gasol, campión mundial e dúas veces gañador da liga NBA. Gasol cedeu a xeito de agasallo para a vencedora ou vencedor do certame unha zapatilla asinada.
Como lembraremos, o campionato D3Mobile é unha proposta divulgativa que, en palabras dos seus impulsores, “busca estimular a vocación científico-tecnolóxica de estudantes de todo o mundo a través dun elemento de uso cotiá como é o teléfono móbil”. A falta de seis semanas para rematar o prazo de inscrición, xa hai unha chea de equipos inscritos, procedentes dun total de 20 países.
Proba desta vontade de deixar pegada a nivel internacional foi o feito de que a presentación da convocatoria 2016 do concurso (que como dixemos desenvólvese en liña co asesoramento dun titor que axuda aos participantes no seu labor de facer modelos virtuais en 3D e a escala de calquera obxecto fotografado co seu móbil) fose retransmitida en directo a todo o mundo a través de Internet, dende o salón de actos da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo.

A profesora e coordinadora do grupo de investigación da USC para a Documentación en 3D, Mariluz Gil Docampo, e José Suárez, responsable de AAPP de Vodafone en Galicia; Rodolfo Castro, Secretario Xeral de FSIE Galicia, e María Hervada, en representación da Fundación Mujeres de A Coruña, tamén participaron na sesión de presentación do campionato, unha iniciativa de fomento da cultura científica e da innovación promovida pola USC e avalada un ano máis pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).
Segundo fixeron saber, unha vez rematado o prazo de matrícula na D3Mobile2016, cada equipo deberá realizar “pequenos experimentos nos que modelará en 3D un obxecto de dimensións coñecidas”. A continuación, unha análise estatística dos erros nas medicións de sucesivos experimentos permitirá determinar como acadar mellores resultados “e ser máis competitivos”, explicou o director deste proxecto, engadindo que o equipo gañador será o que acade unha maior calidade métrica e visual nas distintas probas que deberán superar.
Por certo que a cuarta edición da D3Mobile Metrology World League 2016 conta con máis orzamento en premios que en anteriores anos, xa que o valor dos agasallos establecidos para os equipos gañadores nas distintas seccións ou categorías do campionato supera os 13.500 euros. A práctica totalidade dos galardóns consiste en produtos e artigos tecnolóxicos.
Asemade, do mesmo xeito que nas convocatorias previas do campionato, nas que o equipo gañador recibiu agasallos asinados de Rafa Nadal e de Iker Casillas, na presente edición, o o equipo que se impoña recibirá tamén como premio unha zapatilla asinada por Pau Gasol. Na web do campionato pódese descubrir o modelo 3D virtual da zapatilla do xogador da NBA e da Selección Española.
Pau Gasol doa un agasallo para quen se impoña na cuarta entrega da liga D3Mobile
Compartir Este Artigo

