As novas tecnoloxías achegan cada vez máis posibilidades de adestramento e capacitación aos deportistas de elite. É o caso de Támara Echegoyen e Berta Betanzos, regatistas do equipo Movistar, que veñen de converterse en “embaixadoras” de Bravento, unha aplicación dispoñible para sistemas iOS e (moi axiña) Android e que, tomando como base os videoxogos de alta competición, permite aos deportistas exercitarse, superarse, avaliarse e interactuar cos seus seareiros (tamén usuarios potenciais da aplicación). En palabras dos creadores da ferramenta, estamos ante “un revolucionario recurso que expón a actividade física coma un reto no que competir con outros xogadores”. Con respecto á regatista galega Támara Echegoyen (Ourense, 1984) e á súa compañeira cántabra Berta Betanzos, permitiralles adestrase con vistas aos Xogos de Río 2016 (49er FX de vela olímpica).
Támara e Berta, máis en detalle, empregarán a aplicación durante os seus exercicios en bicicleta e correndo, “para poñerse a punto fisicamente co obxectivo de mellorar o seu rendemento a bordo da súa embarcación, unha das máis rápidas e esixentes da vela olímpica”, sinalan os creadores de Bravento, que engaden que as navegantes do equipo Movistar estarán incluídas no xogo xunto a outras/os deportistas profesionais: haberá deportistas de elite con amplo recoñecemento en disciplinas como ciclismo, natación, trail running ou o tríatlon. Os seareiros da alta competición poderán medirse contra elas, ver e facer os seus adestramentos, seguir as mesmas rutas, retalas en batallas e medirse en liña coas súas marcas e tempos. “Támara Echegoyen e Berta Betanzos marcarán retos e establecerán premios para os seus seguidores, co obxectivo de incentivar a mellora”, sinalan dende Bravento.
Segundo contan as propias deportistas, “devecemos por comezar a tirar partido de Bravento, porque é unha aplicación de adestramento físico pero combinada coas misións dun videoxogo tradicional”. Betanzos engade: “No noso deporte competimos a bordo dun barco, pero parte do adestramento facémolo en bicicleta ou correndo, de feito o 49er FX é unha embarcación moi esixente, polo que o adestramento físico cobra moita importancia”. E conclúe: “Temos que potenciar diferentes habilidades, e por iso os nosos retos en Bravento serán variados”.
Como dixemos, as regatistas Movistar empezarán a adestrar en breve coa aplicación, trala súa participación no campionato do mundo, que se disputa do 9 ao 14 de febreiro en augas de Clearwater, en Florida (Estados Unidos). O seu obxectivo alí é “mellorar o sexto posto do Mundial do ano pasado”, no que selaron o seu pasaporte co logotipo de Río 2016.
A aplicación Bravento funciona a través do móbil e tamén é compatible con reloxos de adestramento convencionais. Permite personalizar o avatar co cal xogamos, atopar amigos e seguir aos nosos deportistas profesionais favoritos, para adestrar coma eles ou retalos en batallas. A aplicación é de balde para o xogador, quen poderá realizar subscricións mensuais para gozar dalgunhas funcionalidades do xogo, como por exemplo competir contra os embaixadores Bravento.
Para máis información sobre a andaina de Támara e Berta, sinalar que teñen Facebook e Twitter de seu.
Os usuarios da aplicación Bravento poderán medirse coa regatista galega Támara Echegoyen
Compartir Este Artigo

