Igalia, empresa galega centra en desenvolvemento avanzado de ferramentas e solucións en código aberto, vén de confirmar a súa participación na edición 2016 do Mobile World Congress (MWC), feira tecnolóxica referencial que este ano celébrase do 22 ao 25 de febreiro en Barcelona baixo a lema Mobile is everything. No evento, a firma galega amosará as súas últimas innovacións en optimización e mellora de rendemento de navegadores para dispositivos intelixentes.
Como lembraremos, Igalia está especializada en “tecnoloxía web cliente”, en concreto no desenvolvemento de WebKit/WebKit For Wayland, Chromium/Blink (motores de renderizado web de Safari de Apple e Google Chrome, respectivamente) e Firefox, e a súa optimización e evolución para aqueles clientes que utilicen estas plataformas para os seus servizos.
Igalia, amais do devandito, traballa en desenvolvemento de estándares, motores JavaScript, soporte multimedia, accesibilidade e gráficos. Segundo nos lembran fontes da firma con sede na Coruña, a día de hoxe a compañía achega tecnoloxía open source avanzada cos principais fabricantes de SmartTV, descodificadores, dispositivos intelixentes e recursos de fogar dixital, domótica e motor.
O obxectivo, común a todas estas liñas de actividade, é subministrar solucións que melloren e axilicen a reprodución de vídeos, gráficos e animacións “non só a través de desenvolvementos de servizos e plataformas propias, senón colaborando na definición de estándares que poidan beneficiar e dar soporte a toda a industria”, explican dende Igalia, onde lembran, como exemplo deste espírito de colaboración e tecnoloxía aberta, a súa integración en asociacións como W3C, GENIVI, Tizen Association, ou Automotive Grade Linux, e en entidades como The Linux Foundation ou a Free Software Foundation.
Segundo conta Xavier Castaño, responsable de Desenvolvemento de Negocio de Igalia, “as nosas contribucións están presentes en calquera plataforma construída sobre Linux, dende o sistema Android a diversos sistemas embebidos, e supoñen a mellor carta de presentación de face a grandes empresas”. E engade: “Estas contribucións repercuten na porcentaxe de persoas que acceden á web mellorando a velocidade, rendemento e accesibilidade dos servizos dos nosos clientes”. Castaño tamén informa de que nos últimos meses a firma encetou unha liña nova e complementaria de actividade, centrada en Software Defined Networking e orientada a mellorar os switches virtuais co uso do proxecto Snabb.
Respecto á súa participación na feira MWC, sinalar que a caseta de Igalia estará situada no Hall Congress Square, Caseta CS60, dende a que poderán verse demostracións de renderizado gráfico de alto rendemento, demostracións da tecnoloxía WebKit For Wayland así como doutros proxectos desenvolvidos pola firma galega.
Igalia amosará no MWC os seus avances en rendemento dos navegadores en smartphones
Compartir Este Artigo

