Telefónica presentou este martes o seu novo Centro de Tecnoloxía e Innovación en Madrid, en palabras da compañía “un espazo pioneiro no mundo” que dispón de 3.000 metros cadrados de superficie de seu e que foi equipado “cunha completa miniaturización da rede tanto fixa como móbil que funciona de forma totalmente autónoma”. O complexo tecnolóxico, engade a operadora, achega ademais todos os avances e recursos precisos para probar os seus servizos antes de guindalos ao mercado. É dicir: sería un centro de experimentación e validación das novas solucións, propostas e tecnoloxías de Telefónica.
Segundo fai saber a empresa, esta funcionalidade de espazo de proba xa está plenamente operativa. Así, xa foron avaliados no centro servizos xa dispoñibles no mercado como Movistar + (a integración de Movistar TV e Canal +) ou Screen Fusión, o decodificador integrado con pantalla de seu que Telefónica lanzou en decembro pasado. Arestora o laboratorio está a comprobar a viabilidade de novos servizos como LTE in a box, que se presentou no Mobile World Congress de 2015, ou a solución para impulsar a videoconferencia na TV, tamén estreada como proxecto piloto no evento de Barcelona.
Segundo informa a compañía, o novo centro de Madrid supuxo “un importante despregamento loxístico e de persoal”. En termos concretos, precisou da instalación de máis de 90 quilómetros de cable coaxial, 650 quilómetros de fibra óptica e máis de 800 quilómetros de cable de comunicacións, ademais da mobilización de máis de 400 servidores, 1.000 bastidores e 5.000 máquinas. Na actualidade unhas 60 persoas realizan a xestión directa do laboratorio para os departamentos de Seguridade, Tecnoloxía, Servizos e Sistemas, dando servizo aos usuarios habituais do Laboratorio que superan os 200.
Entre as instalacións máis significativas do Centro, Telefónica salienta a sala de radio para redes 3G e 4G, dous espazos cos CPD (Centro de Procesamento de Datos), a sala de baterías e a de grupos electróxenos para “responder a calquera continxencia”, así como a azotea cos equipos de climatización.
Telefónica presenta un ambicioso centro de I+D para probar a fondo novos servizos
Compartir Este Artigo

