A programación formativa para o primeiro semestre do ano da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela xa está pechada e preparada. Así o anuncian dende a propia entidade sinalando que o previsto é achegar cursos e xornadas sobre informática, redes sociais e novas tecnoloxías en xeral, amais doutras accións sobre economía e finanzas, recursos humanos, comercio e distribución, busca de emprego, idiomas, comercio internacional e emprendemento para as empresas dos trinta e dous concellos da demarcación cameral.
A Cámara de Comercio programou varias xornadas que tentarán abranguer temas de interese para as empresas: a figura do community manager, a importancia das redes sociais, técnicas de adestramento, habilidades directivas, seminarios prácticos de escaparatismo ou personal shopper para incentivar as vendas.
A primeira oferta formativa dará comezo o 22 de febreiro. Impartirase formación ás empresas para crear unha web corporativa mediante a plataforma-ferramenta WordPress nas aulas da Cámara ata o 4 de marzo (horario de 20 a 22 horas). Asemade, nesas mesmas datas, levarase a cabo un curso de xestión sobre as obrigas laborais e fiscais para dotar ás pequenas e medianas empresas das ferramentas para un control total da empresa dende un punto de vista legal e interno. A formación impartirase en horario de 20 a 22 horas e está encamiñada a administradores de PEME ou autónomos que non teñan os coñecementos básicos en materia de xestión de empresas.
Alén disto, a Cámara desenvolverá o Programa Integral de Cualificación e Emprego (PICE), cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE). Este programa está dirixido a mozos e mozas inscritos no Sistema Nacional de Garantía Juvenil, onde a Cámara se sitúa como punto de inscrición de referencia. Impartirase unha formación troncal sobre Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), empregabilidade, habilidades sociais e inglés, amais doutras formacións específicas para axudar á mocidade a incorporarse ao mercado laboral.
A Cámara celebrará tamén dúas edicións do programa de creación e consolidación de empresa, en colaboración coa Fundación INCYDE, relacionadas co comercio exterior sobre oportunidades comerciais en Perú e franquías.
En relación ao Instituto Cameral de Idiomas de Santiago de Compostela (ICISC), programáronse cursos para mellorar as aptitudes lingüísticas do alumnado. Salientan cursos preparatorios de certificados oficiais de inglés, francés e alemán, homologados por University of Cambridge, Institut Français e Goethe-Institut, que se prolongarán ata o mes de xuño. As clases impartiranse en quendas de luns e mércores e martes e xoves en horario de 18:30 a 20 ou de 20 a 21:30 horas.
Por outra banda, a Cámara de Comercio de Santiago celebrará accións formativas en colaboración con institucións como o Instituto Empresarial de Contabilidade e Economía (IECE), a Galicia Business School e a Escola de Negocios Afundación.
A Cámara de Santiago achega cursos e xornadas sobre como sermos máis produtivos polo vieiro das TIC
Compartir Este Artigo

