Entre o 22 e o 25 de febreiro celebrase en Barcelona o evento 4YFN (4 Years From Now), catro xornadas de networking e intercambio de coñecemento para empresas novas e innovadoras (start-ups). Entre as iniciativas que xa anunciaron que amosarán resultados e obxectivos ao abeiro destas sesións atópase Telefónica Open Future, o centro internacional de crowdworking (innovadores e mentores que se apoian entre eles e enriquecen así as súas iniciativas e as dos demais) de Telefónica, que reunirá en 4YFN aos “principais actores do seu ecosistema”, un tecido no que se insire, como puntal referente, a lanzadeira Galicia Open Future emprazada no Gaiás (Santiago).
Unha das firmas estatais que presentará os seus avances no evento catalán será CartoDB, responsable da revolucionaria ferramenta do mesmo nome: un recurso de código aberto que permite visualizar datos xeolocalizados. Tamén estarán “emprendedores consolidados” como Ferrán Adriá ou Iñaki Berenguer, amais de Andrés Saborido, director de Wayra España e Telefónica Open Future España.
O obxectivo dos impulsores de Telefónica Open Future é “amosar que a innovación aberta é real e complementa o desenvolvemento das empresas, dando continuidade ao seu negocio e acelerando a chegada de solucións dixitais ao noso día a día. Para iso, reunirá durante a celebración do 4YFN “aos principais actores do seu ecosistema”. Por temas, estes axentes lanzaranse de cheo a afondar en cuestións de gran interese para o futuro inmediato da tecnoloxía, como por exemplo a Internet das Cousas (IoT), a intelixencia artificial e as comunicacións dixitais.
Respecto da Internet das Cousas, os responsables de Telefónica Open Future sinalan que se trata sen dúbida dun dos grandes puntais da revolución tecnolóxica que estamos a piques de presenciar e protagonizar e da que xa, en boa medida, comezamos a ver consecuencias e pegadas. Segundo concretan, “a día de hoxe máis de 20.000 millóns de dispositivos, electrodomésticos e cousas en xeral van precisar estar conectadas na vindeira década”. Fan falta, polo tanto, protocolos, infraestruturas e alicerces para esta (nunca mellor dito) nova orde cousas. Estas cuestións serán debatidas en 4YFN, da man de Telefónica, por Sigfox, a operadora de rede mundial, Tado, start-up que desenvolve solucións de termostatos intelixentes no fogar, Worldsensing, empresa que aposta polas tecnoloxías sen fíos para os sectores industriais e Cidades Intelixentes, e Andrés Padilla, Director de novas solucións de IoT en Telefónica.
No ámbito da intelixencia artificial intervirán BigML, empresa que desenvolve servizos baseados na automatización de datos que aproximan ás máquinas ás formas de pensar do ser humano, Inbenta, firma que utiliza a intelixencia artificial para crear solucións semánticas e de linguaxe natural aplicada aos motores de procura; Alto Data Analytics empresa que desenvolve plataformas analíticas que combinan tecnoloxía e coñecemento humano para axudar a organizacións públicas e privadas a transformar os datos en información valiosa para a toma de decisións, e David del Val, director executivo de Telefónica I+D.
Asemade, amosarán as súas experiencias (tamén da man de Telefónica Open Future) os desenvolvedores de TuGo, unha aplicación que permite facer chamadas a través do PC, os creadores de Imbox, unha ferramenta para a mensaxería instantánea segura, o emprendedor TIC Iñaki Berenguer e máis Andrés Saborido, director de Wayra España e Telefónica Open Future España.
Telefónica Open Future lucirá músculo no 4YFN de Barcelona
Compartir Este Artigo

