Nasas, axencia galega de mercadotecnia en liña, vén de obter un importante recoñecemento internacional ao seu labor. Máis en detalle, trátase do galardón ao Mellor Vídeo de Animación achegado polo Festival Europeo de Humor e Publicidade, o Smile Festival, polo anuncio Fai Historia connosco, desenvolvido pola axencia galega para a Facultade de Historia do Campus de Ourense (UVigo). As distincións, informa Nasas, serán entregadas o vindeiro 3 de marzo na sede de Caixa Fórum de Madrid. A campaña galega diríxese a promover a modalidade semipresencial do Grao de Historia, empregando personalidades históricas como Napoleón, Cleopatra ou Frida Kahlo. O anuncio forma parte dunha iniciativa de mercadotecnia 360º que se completaba con carteis, flyers (folletos en papel e dixitais) e outros materiais de promoción en liña.
Segundo nos contan dende a axencia galega, o Festival Europeo da Publicidade e o Humor é un evento conmemorativo do sector da publicidade que reúne cada ano aos creativos máis destacados do panorama europeo e que pretende pór en relevo o valor das mellores campañas cun “toque de humor único”. Fundada no ano 2012, Nasas é unha axencia especializada en publicidade dixital e mercadotecnia online. Como lembraremos, foi recoñecida no sector desde os seus inicios, con galardóns como o Premio EGANET á Mellor Campaña de Comunicación Dixital 2013, o Premio ao Mellor proxecto empresarial 2012 de AJE Marineda, así como o nomeamento a Mellor Axencia do Festival Social Media de Galicia MexilOnseTuits 2013. Entre os seus clientes atópanse empresas como Abanca, Gadisa, Inditex ou The Style Outlets, así como institucións públicas como a Cidade da Cultura.
A axencia galega Nasas, premiada polo seu anuncio para a Facultade de Historia de Ourense
Compartir Este Artigo

