A empresa galega Vitae está a desenvolver estes meses unha serie importante de cursos sobre novas tecnoloxías avanzadas para os nosos profesionais, tal e como anunciamos os días pasados dende Código Cero. Entre estas actividades referenciais atópase a segunda edición do Curso de Gamificación na Empresa , dirixido a aumentar a motivación e o compromiso dos profesionais e directivos dunha corporación. Segundo avanza Vitae, as técnicas de gamificación converten as nosas actividades de empresa en retos e obxectivos coma os dun videoxogo ou deporte, “integrando elementos destes no noso día a día profesional cun resultados sorprendentes”. O curso, de oito horas e a desenvolver en Vigo, baséase pois en amosar técnicas para “converter o serio en divertido”, achegando polo tanto un punto extra de eficiencia.
Vitae, a respecto do devandito, sinala que a gamificación está avalada a día de hoxe por estudos científicos e, sen dúbida, será a metodoloxía do futuro en materia de recursos humanos e desenvolvemento profesional das persoas nas organizacións. Non en balde, engade Vitae, prevese para estas técnicas un mercado de 5.500 millóns de dólares en 2018 e a nivel mundial, con especial énfase nos mercados norteamericano e europeo.
O curso de Vitae dotará das ferramentas precisas para entender e implantar as devanditas metodoloxías de desenvolvemento na empresa. Máis en detalle, daranse a coñecer as vantaxes da gamificación, aprenderanse como implantala, coñeceranse e practicaranse casos de éxito do protocolo de gamificación e amosaranse dinámicas, mecánicas, elementos de xogo e sistemas de recompensa e puntuación. Está dirixido sobre a todo a directivos, profesionais de recursos humanos, xefes de proxectos “ou ben a calquera profesional que desexe adquirir as habilidades necesarias para implantar o dito protocolo”.
Vitae formará aos nosos profesionais na aplicación de sistemas de gamificación nas súas empresas
Compartir Este Artigo

