A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela vén de facer reconto da súa actividade despregada en 2015 en materia de fornecemento de servizos profesionais de innovación. Por exemplo, o desenvolvemento (dende 2010) da Feira de Coñecemento, iniciativa destinada a favorecer a transferencia de coñecemento entre empresas e centros tecnolóxicos, financiada polo Fondo Social Europeo e a entidade compostelá. Ao abeiro disto, en 2015 realizáronse tres xornadas, ás que asistiron 75 empresas e pecháronse 17 preacordos de colaboración entre empresas e centros tecnolóxicos.
A Cámara tamén salienta o acadado a través de InnoCámaras, programa encamiñado a achegar axudas para a innovación de autónomos e PEME, a través de cousas como asesoramento de balde e continuo e incentivos financeiros directos (ata do 80%). O programa ofrece un diagnóstico da empresa e o desenvolvemento e implantación do proxecto innovador. Foron admitidas para a convocatoria 2014-2015 127 firmas. A entidade destaca igualmente o labor despregado a través de TICCámaras, programa que ten por obxectivo impulsar a incorporación de Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) como ferramentas competitivas claves na estratexia das PEME participantes. Na convocatoria 2014-2015 participaron no programa 106 empresas.
Outro servizo que ofrece o departamento de innovación son os certificados de Carmerfirma. Segundo explica Anselmo Díaz, técnico da Cámara, “o certificado dixital é unha ferramenta indispensable para mellorar a competitividade da empresa porque aforra tempo e é necesaria para as empresas nos seus trámites coas Administracións Públicas”. En 2015, a Cámara emitiu 17 certificados dixitais.
No que atinxe á información comercial, a Cámara de Santiago asinou un convenio con Carmerdata para ofrecer ás empresas da demarcación ficheiros de empresas españolas, bases de datos internacionais, novas empresas, clasificacións empresariais ou informes sectoriais, comerciais e de mercado xeoposicionados.
Amais do devandito, a entidade empresarial compostelá foi quen de consolidar a súa presenza en Internet grazas á súa páxina web, á súa concorrencia nas redes sociais, o seu boletín informativo e o blog de seu. A web corporativa, camaracompostela.com, é en palabras da entidade “un escaparate sempre visible desde calquera punto do mundo que permite informar aos interesados das novidades camerais”. O número de visitantes e visitas incrementouse “de maneira progresiva” desde a creación da web, situándose arestora nunha media mensual de 41.307 visitas en 2015 e unha media de 4.004 visitantes distintos mensuais.
Ademais, a Cámara de Comercio estende a súa información polas redes sociais, con máis de 1.640 contactos en Facebook e 2.483 seguidores en Twitter. “O establecemento da marca Cámara neste tipo de canles interactivas”, sinalan fontes da entidade, “permite achegar a Cámara ás empresas da demarcación coa finalidade de presentarlles os servizos, proxectos, programas e coñecer as súas necesidades dunha forma organizada”. Inclúe nos seus muros información relativa a eventos e actos da organización, cursos e xornadas de formación ou actividades de internacionalización.
Outras das ferramentas online que emprega a Cámara de Comercio de Santiago é o boletín informativo, do que se enviaron 32 versións no último ano. Realízanse envíos de comunicacións a través de correo electrónico ás persoas interesadas en recibir información sobre cursos de formación ou accións de internacionalización que programa anualmente a entidade cameral compostelá. Na actualidade, reciben o boletín 4.704 inscritos.
A Cámara de Santiago favoreceu en 2015 a capacitación innovadora de máis de 300 empresas
Compartir Este Artigo

