Na maña de onte tiña lugar a inauguración do viveiro de empresas do polígono de Lalín, ao que asistían o deputado provincial de Cooperación da Deputación de Pontevedra, David Regades, o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, o director xeral da Fundación INCYDE (Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa), Javier Collado Cortés, e o presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Eduardo Miguel Barros Pereira. Cómpre sinalar que a estrea do viveiro rematou cunhas xornadas sobre emprendemento inseridas na Semana Europea das PEME, Startup Europe Week, impulsada pola Comisión Europea para o fomento da creación de novas empresas innovadoras.
As ditas xornadas trataron temas como as axudas existentes para impulsar a actividade empresarial como unha opción de carreira profesional, o programa europeo de aceleración do emprendemento, no marco legal da Unión Europea, as redes de networking e lobby, o programa Emprendetur, e os instrumentos PEME Horizonte 2020.
Volvendo ao viveiro de empresas de Lalín, é preciso subliñar que nace coa vontade de promover o emprego e lanzar proxectos empresariais grazas á Deputación de Pontevedra, que achega tres naves cunha superficie de ata 143 metros cadrados, cinco oficinas con arredor de 18 metros cadrados e un espazo de coworking de 92 metros cadrados con capacidade para 16 postos de traballo, nos que a Deputación dará acollida, durante un ano, ás empresas: Kuzunguka App Developers, Stoutic Computing Technologies e Inés Ferreiroa Louzao.
Alén disto, a institución provincial tamén creará no polígono de Lalín (coa colaboración da Escola de Organización Industrial) espazos de coworking para fomentar o emprendemento dos novos proxectos empresariais, incorporándoos en aceleradoras e achegando un proceso de asesoría personalizada e formación dos mesmos.
Informar que a Deputación de Pontevedra está a traballar nunha nova liña específica de apoio a emprendedores (a maiores doutras actuacións coma o Centro Provincial de Asesoramento Empresarial CPAE 2.0, cunha oficina en Lalín) que ten por obxectivo potenciar o desenvolvemento económico da provincia a través das tecnoloxías, aumentar a produtividade, introducir a innovación, facer máis doada a incorporación do comercio electrónico e fomentar a venda en liña.
Lalín estrea un viveiro de empresas co apoio da Deputación de Pontevedra
Compartir Este Artigo

