Tras dúas edición con grande participación, mañá terá lugar a terceira edición do #CocidoDay, evento auto-proclamado como o Día Internacional do Cocido, que aproveita o pulo das redes sociais para difundir esta xornada de exaltación do cocido, considerado un dos pratos máis típicos da gastronomía galega e española.
O #CocidoDay non é un evento con sede, senón que celébrase espallado por todo o mundo en mesas nas que se degusta o prato en cuestión e, aínda que a meirande dos puntos nos que se celebrará a xornada están en Galicia, dende a súa organización dan conta de que están convocadas mesas de cocido en Tenerife, Londres e México, como exemplo da internacionalización desta actividade gastronómica que aproveita plataformas como Facebook, Twitter e Instagram para dar grande difusión a esta actividade aberta á participación de todo o que queira facer seu o Día Internacional do Cocido.
O evento está aberto a restaurantes, fogares e persoas de calquera parte do mundo que queira participar, e ante a vaga de interesados en participar este ano decidiron abrir completamente a convocatoria, de xeito que “participe quen queira, co único requisito de cumprir as normas de funcionamento”, que practicamente limítanse ao uso do cancelo #CocidoDay á hora de difundir contidos sobre a xornada, aínda que existe unha listaxe de 28 restaurantes oficiais do evento, ideais para os que queiran introducirse nesta actividade gastronómica.
ACTUALIZACIÓN: A
organización do #CocidoDay deu conta esta mañá de que o evento deste ano
contará co videoblogueiro Diego Pons
como pregoeiro oficial, marcando o
inicio da xornada ás 14:30 horas dende o restaurante O Recanto de Madrid.
