Os problemas de WhatsApp no Brasil non cesan, e tras un bloqueo do servizo durante varias horas en decembro, agora a policía brasileira sorprende prendendo ao vice-presidente de Facebook para América Latina, Diego Dzodan, que actualmente está en prisión preventiva por orde do xuíz criminal da comarca de Lagarto por mor do “reiterado incumprimento de ordes xudiciais, de requirimentos de información” para a súa utilización nunha investigación de crime organizado e tráfico de drogas, que actualmente está baixo segredo de sumario.
Dzodan tivo que prestar declaración na Superintendencia da Policía Federal en São Paulo, onde permanece a disposición da Xustiza, nunha medida considerada totalmente desproporcionada, xa que WhatsApp continúa a operar de xeito independente a Facebook, de xeito que o arresto dun dos seus directivos resulta inxustificable.
Dende Facebook tamén insisten no feito de que WhatsApp non pode achegar á Xustiza brasileira información sobre comunicacións a través de WhatsApp que non ten, asegurando que sempre responderon a consultas das autoridades. Tamén detallan que a única presenza de Facebook no Brasil trátase dunha oficina comercial, que non ten ningún acceso a información relativa a WhatsApp, nin autoridade de ningún tipo sobre tal plataforma global operada dende fóra do Brasil.
Dende WhatsApp parecen ter problemas para facer entender ás autoridades brasileiras que non poden facilitar copias das comunicacións dos seus usuarios, xa que non quedan con copias das mesmas, actuando só como intermediarios.
Arrestan a un directivo de Facebook no Brasil
Compartir Este Artigo
