Este 7 de marzo a Cámara de Comercio comeza a celebración dunha serie de cursos TIC especialmente acaidos para os nosos profesionais, tanto para os que xa contan con ampla formación en novas tecnoloxías como para os que non. O programa de obradoiros comeza con dous cursos de community manager e redes sociais e loxística de aproveitamento. A actividade formativa de community manager permitirá aos participantes “comprender as características da Rede 2.0 e aproveitar as súas potencialidades para o seu sector de negocio”, sinala a entidade cameral.
Celebrarase nas aulas formativas da Cámara entre o 7 e o 17 de marzo en horario de 20:00 a 22:00 horas e estará impartido polo responsable do Instituto de Medios Sociais, José Sixto, quen para introducirnos na importancia desta actividade sinalou os días pasados que “a Rede 2.0 permite aos usuarios interactuar e colaborar como creadores de contido en Internet”. Ademais, engadiu, grazas a este novo chanzo evolutivo da Internet, os cidadáns “deixaron de ser simples receptores e convertéronse en distribuidores e xeradores de contidos e mensaxes”. Segundo explica, a día de hoxe o usuario comparte na Rede a súa opinión dun produto ou servizo, “e mesmo antes de empregar ese servizo precisa que a compañía provedora o informe con detalle e resolva as súas dúbidas”. Ao seu xuízo, as presenzas, estratexias e accións comunicativas no eido dixital deben ser as axeitadas, e, ademais, “saber xestionar correctamente as redes sociais é imprescindible para profesionais, empresarios e autónomos que desexen obter a máxima rendibilidade para os seus negocios”.
A Cámara iniciará tamén o día 7 un curso de loxística de aprovisionamento, que impartirá ata o 18 de marzo nas instalacións camerais a asesoría Quelqum, en horario de 20:00 a 22:00 horas. A formación está enfocada a directivos e responsables de empresas que desenvolven funcións de xestión de compras, aprovisionamentos, distribución física, loxística inversa, xestión de refugallos e seguridade na cadea de subministros “e que deben tomar decisións nestas áreas para mellorar os resultados económicos da compañía”, explica a Cámara de Santiago, que engade o “o curso pretende que os asistentes coñezan os conceptos básicos e obxectivos da loxística empresarial, ademais de aprender as principais características dun sistema de transporte e de aprovisionamento e como implantar un plan loxístico integral”.
A Cámara introducirá ás empresas de Santiago na xestión axeitada das redes sociais
Compartir Este Artigo

