
“Para manter a nosa filosofía de traballo e valores da empresa”, sinalan dende a compañía que dirixe Jorge Vázquez, “a oficina en México conta con moita frecuencia coa visita do equipo profesional emprazado en Ourense”, incluídos o propio Jorge Vázquez e máis Tiago Mojón, director de Operacións (CTO) da división española. Estas estadías alén do Atlántico adoitan ter obxectivos de formación e, tamén, de establecemento e afianzamento de contactos con clientes (proxectos baseados en novas tecnoloxías en xeral, comercio electrónico, mercadotecnia en liña).
Segundo fixo saber recentemente Redegal, a estratexia de afianzamento e consolidación da compañía en México baséase en reforzar e impulsar unha estrutura que xa amosa, de por si, axeitados índices de medre. Entre as empresas que xa contan cos servizos da firma galega atópanse firmas dos sectores téxtil, do transporte por terra e do transporte aéreo. En boa medida, trátase de proxectos do ámbito do comercio electrónico. Segundo engade Jorge Vázquez, a previsión (por unha banda) é ampliar a carteira de clientes cara aos sectores da alimentación, entre outros, e (por outra banda) duplicar a facturación en México. Este proceso de espallamento acompañarase dunha estratexia parella en Colombia, onde Redegal comeza tamén a facerse firme.
Redegal consolida a súa presenza en México
Compartir Este Artigo

