Esta semana desenvólvese na Universidade de Vigo o Foro Tecnolóxico de Emprego, unha actividade destinada a xuntar o alumnado dos campus galegos cos posibles contratantes profesionais, empresas galegas, estatais e internacionais interesadas en facer fichaxes entre o vizoso panorama do novo talento galego. O Foro, que vai pola súa 16 edición, vén unha vez máis da man da comunidade de estudantes do Campus, máis polo miúdo dos estudantes das escolas de enxeñaría de Minas, Telecomunicación e Industrial da Universidade de Vigo. Hai postos de demostracións e presentacións, obradoiros, conferencias e exposicións en cada un dos ditos centros. Serán tres días para os futuros profesionais establezan contacto firme con empresas e centros tecnolóxicos potencialmente “contratadoras/es”. Entre eles, Deloitte, Altia, Gradiant, Imatia, Viewnext, Alten, R, Repsol, Idneo, Everis, Borgwarner, PSA Peugeot Citroen, Dinak ou Cortizo. Por certo que no evento tamén participa arreo o Colexio Oficial e Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.
Na apertura oficial deste foro (onte), o reitor da Universidade, Salustiano Mato, recoñeceu o traballo e o esforzo do estudantado para manter este evento durante 16 anos e para congregar empresas de renome e outras iniciativas que despuntan, ás que se suman centros de formación e tecnolóxicos e colexios profesionais. “Estamos moi orgulloso de vós e presumimos deste foro sempre”, recoñecía Mato, ao tempo que explicaba que a Universidade de Vigo é pioneira en España neste tipo de iniciativas. No acto inaugural estiveron tamén presentes Benito Vázquez, director da ETSE de Minas e Íñigo Cuiñas, director da EE de Telecomunicación, que gabaron a implicación dos seus estudantes “para facer posible este milagre que chega a principios de cada ano”.
Nesta décimo sexta edición do foro participan case medio cento de entidades, entre as que hai, como dixemos, centros formativos, asociacións profesionais, centros de investigación e tecnolóxicos e empresas. Segundo o coordinador xeral da organización, Ramón Emigdio González, “este ano hai máis empresas ca outros, mais postos, percibimos un interese crecente por estar presentes nesta cita”.
Detrás deste décimo sexto Foro Tecnolóxico de Emprego hai preto de 80 estudantes das tres devanditas escolas de enxeñaría. Ramón Emigdio González explica que comezaron a preparar esta edición no mes de setembro, “tratando de compatibilizar as esixencias destas tarefas coas clases, as prácticas e a vida persoal”. Por iso destaca o esforzo deste grupo de alumnos e alumnas que “hoxe se reflicte neste evento” pero que supuxo moito sacrificio, boas doses de organización e un reparto do traballo horizontal. Agradecen tamén “a implicación das empresas” e salientan a importancia que ten para o seu futuro “poder achegarnos, coñecer en persoa aos responsables de recursos humanos de grandes compañías, traballar con eles nos workshops e poder entregarlles os currículos en man, algo que doutro xeito sería imposible”.
Medio cento de compañías e centros tecnolóxicos participan no 16º Foro Tecnolóxico de Emprego (UVigo)
Compartir Este Artigo

