A partires do vindeiro 1 de abril, o CIS Galicia, coa colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), porá a disposición das empresas unha potente máquina de cómputo e unha carteira de servizos avanzados que lles facilitarán o almacenamento e xestión de enormes cantidades de datos, tarefas estreitamente ligadas ao funcionamento da fábrica intelixente e das demais utilidades da Industria 4.0, segundo salientaron esta mañá en Ferrol, no marco do seminario tecnolóxico que se está a celebrar no CIS Galicia e que conta coa participación dun cento de representantes do naval galego.
O novo nodo de computación ten como obxectivo facilitar servizos de simulación, modelización numérica e análise de grandes volumes de datos para axentes industriais en Galicia. O financiamento desta nova infraestrutura en Ferrol forma parte do paquete de investimentos por valor de 5,5 millóns de euros realizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en 2015 para optimizar os equipamentos xestionados polo GESGA ao servizo da empresa galega.
Na apertura da xornada participou o director do IGAPE, Javier Aguilera, quen salientou que os servizos avanzados e a formación específica que achegará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o desenvolvemento da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, terán relevancia clave no proceso de capacitación do naval galego para incrementar o seu potencial competitivo a nivel global.
O CESGA porá a Supecomputación ao servizo da Industria 4.0
Compartir Este Artigo

