O Servizo de PAS da Universidade de Vigo vén de incluír, ao abeiro do seu Plan de Formación 2016, o curso Marketing dixital: experiencia de usuario, posicionamento web e análise da páxina web. A actividade, dirixida a amosar polo miúdo entre o persoal da UVigo as claves para desenvolver unha correcta estratexia dixital, desenvolverase ao longo de tres días, o 16, 17 e 18 de marzo, na sala catro do edificio Miralles e artellarase en dúas partes: unha teórica e outra de índole máis práctica. A primeira será impartidas en horario de mañá, de 9.00 a 14.00 horas, e a maiores a organización dará aos asistentes a posibilidade de traballar sobre os coñecementos adquiridos cun obradoiro de tipo práctico, de 15.00 a 17.00 horas.
A inscrición no curso pode realizarse ata este 7 de marzo a través da plataforma Bubela. Segundo informa a organización, terán preferencia de acceso á actividade os membros do PAS que tiren proveito de internet como “ferramenta indispensable no desenvolvemento dos seus labores diarios”, mentres que os restantes poderán solicitalo no caso de que existisen vacantes.
O Servizo de PAS da UVigo engade que ao longo das 15 horas nas que se desenvolverá a actividade, os e as asistentes “adquirirán conceptos fundamentais no coñecemento da Rede como a experiencia de usuario e a arquitectura da información”, e con esta información introduciranse no uso das ferramentas de optimización e de xeración de contidos na Rede. Outro dos obxectivos que se marca a organización do obradoiro é o “de traballar sobre posicionamento web, é dicir, o lugar que ocupa unha páxina entre os resultados dun buscador, para tentar que os participantes se familiaricen con conceptos como SEO on page e, ao mesmo tempo, para que aprendan a usar as ferramentas de administrador web de Google”.
A UVigo introducirá ao seu persoal no posicionamento web
Compartir Este Artigo

