O buscador Google está hoxe homenaxeando a unha sobranceira investigadora galega. Falamos de Ángela Ruiz, como lembraremos a responsable directa do aparello tecnolóxico considerado como “o libro electrónico dos anos cincuenta”, un prototipo que puidemos ver in situ no Museo de Tecnoloxía e Ciencia da Coruña e que malia non ter sido finalmente comercializado no seu tempo (sobre todo por mor dos escasos apoios orzamentarios que acadou a desenvolvedora) amosou un importante potencial para o ensino interactivo e para ceibar aos nenos de ter que carrexar ás escolas inxentes cantidades de libros (o seu libro electrónico permitía ler diferentes volumes inseridos en carretes).
O dispositivo foi orixinalmente amosado ao mundo en 1949. Google quixo adicarlle o seu doodle deste 28 de marzo por considerar o invento da mestra dona Angelita o precursor do ebook.
Como lembraremos, Ángela Ruiz naceu o 28 de marzo de hai 121 anos. Malia ter a súa orixe en León, pasou na nosa terra a maior parte da súa vida, máis polo miúdo en Ferrol. Naceu na localidade de Villamanín o 28 de marzo de 1895 e morreu o 27 de outubro de 1975 en Ferrol. Foi nesta cidade onde dona Angelita exerceu como mestra e tamén como desenvolvedora pioneira de material tecnolóxico ao servizo do coñecemento.

A gran arela en vida de dona Angelita foi a de incluír na aprendizaxe dos cativos elementos como a interactividade. Asemade, quixo aliviar o sufrimento das nenas e nenos (que tiñan que cargar, como aínda hoxe, unha chea de libro nas súas mochilas) abranguendo diversos materiais de divulgación nunha única achega, a da súa enciclopedia mecánica. De feito, o aparello de seu incluía cintas de texto e ilustracións que ían circulando por varios carretes: cada un deles unha materia.
Google rende homenaxe á galega Ángela Ruiz, dona Angelita
Compartir Este Artigo

